FESTAS

O desfile do Meco abre este sábado o Entroido 2017

24/02/2017 Santiago inaugura mañá a celebración do Entroido, co tradicional desfile do Meco. A comitiva partirá ás 20:00 horas da praza de Cervantes, acompañada polas comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño. Á súa chegada á praza do Toural, o Meco será instalado no balcón do Pazo de Bendaña para vixiar dende alí como transcorren as celebracións do Carnaval.

Este ano, o artista José Manuel Méndez deseñou un Meco que retrata o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, subido á súa Trump Tower de Chicago. Unha vez instalado o Meco, o pregón do Entroido correrá a cargo de As Fillas Bravas, da compañía Chévere, que ofrecerán despois un pequeno espectáculo na Praza.

Festival infantil de disfraces
As actividades do Entroido continuarán o domingo 26. Haberá animación de rúa dende as 10:30 horas, a cargo da comparsa Os Conformistas de Conxo, acompañados pola charanga Os Atrevidos. Ás 12:30 horas, na praza do Toural, poderase ver o espectáculo de títeres As xeneralas da Ulla, de Títerese Cachirulo, e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, celebrarase o festival infantil de disfraces na Sala Capitol. A festa estará animada por Ni Fú Ni Fá.

Obradoiros na Fundación Granell
Xa o luns, a sede da Fundación Granell vestirase de Entroido para acoller diferentes obradoiros de creación de máscaras, perrucas, traxes de Xenerais do Ulla e caretas de peliqueiros. As actividades desenvolveranse en horario de mañá e tarde, de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 horas. Os obradoiros son gratuítos e as prazas cubriranse por orde de chegada ata completar aforo.

Desfile do martes de Entroido
Unha das principais citas do carnaval de Santiago é o desfile do martes de Entroido. A súa saída está prevista para as 17:30 horas, dende a estación do ferrocarril, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Alí, a partir das 21:00 horas, celebrarase a entrega de premios, que se manteñen nas contías do ano pasado. Así, haberá premios nas categorías de carrozas, comparsas, grupos, parella, disfrace individual, e premios especiais para a mellor comparsa procedente das parroquias e barrios do Concello de Santiago. En total repartiranse 16.000 euros en premios.

Ao rematar a entrega de premios, a festa continuará na Sala Capitol, coa actuación da orquestra Os Modernos.

O prazo para inscribirse no desfile do martes de Entroido segue aberto ata o luns, ás 14:00 horas. Os interesados poden enviar un correo electrónico á dirección tprincipal@santiagodecompostela.gal, ou un fax ao 981 542 348. Tamén é posible inscribirse presencialmente no propio Teatro Principal.

Compartir: