CULTURA

O Teatro Principal acolle a representación da obra "Yo en el futuro"

30/01/2017 O Festival Escenas do Cambio celebra a súa terceira edición cun programa con 25 pezas de artistas e compañías de dez países diferentes. Este martes, o arxentino Fedrico León presenta no Teatro Principal Yo en el futuro. A función será ás 21:30 horas.

Yo en el futuro, escribe Óscar Cornago, é unha sorte de cerimonia escénica de pouco menos dunha hora de duración, unha cerimonia, por tanto, da repetición. É o ritual de amosar algo eamosarse a outros, e o que se amosa son unhas películas que os mesmos personaxes que as amosan gravaron de nenos. Como todo ritual, ten algo de confrontación cun pasado, que se fai presente en escena, e algo tamén de xa sabido, de aprendido.

A proxección destas gravacións ocupa o centro da obra, pero non son o centro da obra; o centro está no que ocorre en escena, no que está ocorrendo mentres se amosan esas imaxes, en como se están mirando e o que experimentan os que as miran, outro proceso escénico por natureza. Ese acto de mirar dá lugar a un pequeno ritual de iniciación, onde os maiores inician aos menores, a través do feito de amosarlles algo, de dirixirlles a mirada, e con ela, a vida, nun sentido determinado. Como en todo ritual hai un grao de violencia, a violencia dunha orde (escénica) imposta, a orde precisa co que todo ten que suceder, co que todo se ten que repetir, o trauma do paso dun estado a outro, da nenez á adolescencia, da adolescencia á vellez, a violencia dunha perda.

Compartir: