ALCALDÍA

Minuto de silencio pola muller asasinada no Carballiño, vítima da violencia machista

30/01/2017 A Praza do Obradoiro acolleu este mediodía unha concentración para condenar o asasinato machista, onte, dunha muller no municipio ourensán do Carballiño. É a primeira vítima da violencia machista en Galicia no que levamos de 2017.

Integrantes da corporación municipal participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo da muller asasinada. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

Colectivos feministas convocaron unha concentración para condenar firmemente e amosar a repulsa de toda a sociedade a que sigan acontecendo agresións e asasinatos machistas. A concentración será mañá martes 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, na praza 8 de Marzo.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: