EDUCACIÓN

As escolas infantís municipais celebraron o Día Escolar da Paz cun encontro en Salgueiriños

30/01/2017 As Escolas Infantís Municipais celebraron de xeito conxunto o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, cun encontro no centro de Meixonfrío-Salgueiriños. A actividade, na que participaron o alcalde e o concelleiro de Educación e Cidadanía, serviu para poñer en valor o traballo que se desenvolve ao longo de todo o ano nas escolas de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños en torno aos principios da paz, a cooperación e a solidariedade na procura dun clima de harmonía, convivencia e respecto entre iguais.

A actividade desta mañá comezou cun encontro dos nenos e nenas das tres escolas infantís municipais, acompañados dos seus profesores e profesoras e das familias que así o desexaron. Os cativos e cativas crearon un mural co mensaxe "Paisaxe da Paz", e as nais e pais formularon os seus desexos pola paz.

En representación do centro de Conxo, intervíu Araceli Couceiro, que expresou a preocupación das familias de Santiago "polos conflitos e desprotección que sofren os nenos e nenas en moitos lugares do mundo". Ademais, salientou que "sen unha alimentación, sen atención á saúde e sen a estimulación psicosocial axeitadas redúcese drásticamente o potencial da infancia para gozar dunha vida digna e plena".

O encargado de representar ás familias da Escola Infantil de Fontiñas foi José Seoane, que mostrou o seu desexo de que "as comunidades educativas de Compostela, cando menos das tres escolas infantís municipais, sexan quen de mobilizarse e concretar algunha iniciativa solidaria e colaborativa con algunha ONG de Santiago para axudar a transformar a dramática situación que atravesan nenos e nenas en diferentes zonas de conflito".

Por último, Arturo Ferraces tomou a palabra no nome das nais e pais da Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños, para lembrar que "a educación é unha boa ferramenta para facerlle fronte ao conflito e á violencia" e para facer unha chamada a "xuntar esforzos para inculcar actitudes tolerantes e construtivas na xente, para unha mellor convivencia".

O alcalde, Martiño Noriega, foi o encargado de ler o Manifesto pola Paz e a non Violencia, no que o Concello amosa o seu compromiso coa Paz, os dereitos Humanos e a Non Violencia "nun momento no que, por desgraza, moitas persoas sofren as consecuencias da inxustiza, da guerra, da fame, da persecución ou da violencia en calquera das súas formas". O manifesto tamén fai un chamamento ás institucións públicas "para que todas elas, na medida das súas posibilidades, poñan en marcha plans e actuacións, e as reformas xurídicas e lexislativas necesarias para facilitar o acollemento das persoas refuxiadas que moi preto das fronteiras da Unión Europea viven en condicións inhumanas"-

O acto pechouse cunha solta de globos e pombas, grazas á colaboración do Club Colombófilo "Alas de Compostela". A parte musical da actividade correu a cargo dos trombonistas Víctor M. Collazo e Daniel Ruibal, da Escola Municipal de Música de Santiago.

Concerto da Escola Municipal de Música
Precisamente, a Escola Municipal de Música sumouse este ano á celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz cun concerto de violín e hang a cargo de Loida Díaz, profesora de violín da Escola, Loida Díaz, e de Brais Calles, como músico invitado. Nel puidéronse escoitar pezas de Bach, Ligety, ou Stravinsky.

Compartir: