XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as instrucións para unificar criterios nas sancións e no aforo dos locais de hostalería

30/12/2016 O Goberno deu cumprimento hoxe ao compromiso adquirido no marco das mesas de diálogo co sector da hostalería nocturna, e aprobou dúas instrucións sobre os criterios aplicables tanto no que ten que ver cos procedementos sancionadores abertos a establecementos públicos e actividades de lecer, como no relativo ao seu aforo. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o obxectivo é "unificar o modo de actuar, diante da disparidade do marco legal existente e do baleiro no desenvolvemento dalgunhas normativas". Deste xeito, incidiu, "facilitarase o traballo de todos: dos técnicos, dos políticos e do propio sector hostaleiro, que terá máis claro a que aterse en cada momento".

O alcalde explicou que "unificar os criterios nos procedementos sancionadores era unha das principais demandas do sector hostaleiro, expresada nas mesas de diálogo ás que asistiron representantes das distintas asociacións, e tamén dos catro grupos políticos da corporación municipal". Ao respecto, unha das principais queixas tiña que ver coa aplicación das ordes de peche, "que pasou de ser unha medida excepcional a unha medida ordinaria".

A instrución aprobada hoxe sinala que "as medidas cautelares de peche se adopten tras a audiencia das persoas interesadas, ás que se lles concederá un prazo de cinco días hábiles para presentar alegacións, período no que tamén terán a oportunidade de emendar ou corrixir as causas que deran lugar ao inicio do procedemento". Este criterio non se poderá aplicar no caso de infraccións moi graves, ou cando os establecementos carezan de licenza. Tamén se sinala que os procedementos que poidan derivar nunha orde de peche terán prioridade na tramitación e inspección por parte do Concello.

Coa entrada en vigor da instrución, o Concello priorizará a legalidade dos establecementos e das súas actividades fronte ás sancións, de xeito que "só se tramitarán procedementos sancionadores cando non sexa posible resolver as anomalías ou irregularidades detectadas ou cando exista reiteración".

Tipificación das sancións
Atendendo a outra das reivindicacións expresada na mesa de diálogo co sector da hostalería, o Concello considerou conveniente fixar uns criterios xerais e flexibles para determinar as contías das multas aplicables en materia de establecementos públicos e de lecer. A instrución aprobada na Xunta de Goberno sinala que "o abano da contía das multas previstas pola normativa dividirase en tres terzos e, como norma xeral, aplicarase a multa dentro do terzo máis baixo", sempre que non se dean circunstancias de especial gravidade.

Así, no caso das infraccións leves con sancións establecidas pola normativa de entre 300 e 30.000 euros, establécese o criterio de aplicar sancións no primeiro terzo, de entre 300 e 10.200 euros. A maiores, no caso das infraccións graves non se aplicarán simultaneamente as sancións de multa e o peche do establecemento, a non ser que concorran circunstancias especiais que así o aconsellen.

Aforos
A segunda das instrucións aprobadas na Xunta de Goberno de hoxe é relativa aos criterios aplicables en materia de cabida, ocupación e capacidade de evacuación dos establecementos públicos. Ao igual que na instrución anterior, o obxectivo é unificar criterios para determinar a ocupación dos locais.

Para iso, bótase man do Código Técnico de Edificación, que sinala que a cabida autorizada dos establecementos non pode ser maior que a capacidade de evacuación. Trátase, segundo explicou o alcalde, "dos mesmos criterios que aplicou o Concello de Madrid, despois da traxedia do Madrid Arena". A instrución fixa os parámetros para calcular a ocupación dos establecementos, segundo a localización das persoas (sentadas, de pé) e o uso do recinto.

Os establecementos que xa teñen título habilitante municipal no que se fixa o aforo poderán acollerse a estes novos criterios cumprindo os requisitos establecidos, e as modificacións poderanse tramitar mediante comunicación previa, agás nos casos dos locais con cabida superior a 500 persoas e das actividades cunha normativa específica. No caso dos locais existentes en zonas declaradas como saturadas, poderanse modificar as cabidas sempre que para iso non sexa preciso executar obras que signifiquen un aumento da superficie do establecemento.

Compartir: