MEDIO AMBIENTE

A Tropa Verde pecha o ano 2016 con máis de 11.000 accións ambientais e 2.000 usuarios rexistrados

29/12/2016 A Tropa Verde, a iniciativa que premia a concienciación ecolóxica da cidadanía, pecha o ano superando todas as expectativas: máis de 11.000 accións ambientais desenvolvidas, 2.000 usuarios rexistrados e máis de 2.000 participantes en actividades escolares. Son algúns dos datos máis importantes do balance do proxecto que o Concello ten en marcha en colaboración con Teimas Desenvolvemento, que se consolidou ao longo de 2016. A día de hoxe, a Tropa Verde conta xa con 115 establecementos colaboradores, responsables de entregar unhas recompensas aos veciños e veciñas máis concienciados coa reciclaxe, que xa superan o valor de 15.000 euros.

Ao longo do ano que remata, a Tropa Verde puxo en marcha campañas de concienciación ambiental sobre a reciclaxe nos centros educativos, co obxectivo de incentivar a responsabilidade ambiental nos nenos e nenas da cidade e, polo tanto, nas súas familias. As campañas consistiron na recollida de aceite de cociña usado, de aparellos eléctricos e electrónicos e de tapóns para a súa posterior reciclaxe e prever así graves problemas de contaminación da auga, do chan e emisión de substancias tóxicas. Entre as dúas campañas participaron 20 centros educativos diferentes e unha asociación, que representan 2.416 nenos e nenas. Recolléronse 2.356 litros de aceite de cociña usado e 3.299 aparellos eléctricos e electrónicos, que fan un total de 750 quilogramos.

A Tropa Verde tamén se sumou á celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos, coa campaña Recicla, Reutiliza e xoga coa Tropa Verde nos centros socioculturais. Na actividade participaron nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, que aprenderon a facer adornos de Nadal con materiais de refugallo.

Compartir: