DEPORTE

Nace o Clúster "Rugby en Compostela" para o fomento deste deporte en todas as idades

29/12/2016 A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do seu homólogo en Teo, Jorge Carballido, e dos presidentes das asociacións Valentes e Santiago Rugby Club, Diego Pagnotta e José Pérez, e do secretario da asociación CDU Rugby Santiago Veteranos, Víctor Arce, deron a coñecer esta mañá o novo Clúster Rugby en Compostela.

Este proxecto xorde da iniciativa destas tres asociacións con varios obxectivos comúns: ofertar rugby na comarca de Compostela cos mellores medios materiais e humanos posibles, educar nos valores deste deporte, identificar a todos os xogadores de rugby da comarca cunha mesma imaxe e cubrir todas as etapas na vida dun deportista baixo un mesmo paraugas de maneira que se poida practicar este deporte dende os 4 anos ata calquera idade.

As diferentes seccións pasan a denominarse Escola, Equipo sénior e Veteranos de Rugby en Compostela. Haberá adestramentos e competicións, tanto de rugby como de fútbol americano na súa modalidade "flag football" en categorías sub-14 a sub-18.

Noa Morales quixo "agradecer a estas asociacións o feito de que teñan sido quen de unirse para crear un Cluster coma este, que xorde da paixón que comparten polo deporte en xeral e o rugby en particular", e amosou a "total colaboración do Concello para que este proxecto que nace hoxe teña moito tempo de vida".

O concelleiro de Deporte de Teo, Jorge Carballido, salientou "que este Clúster é o primeiro que xorde deste estilo, froito da colaboración de varios concellos" e definiuno como "un proxecto potente con moita proxección".

O presidente do Santiago Rugby Club, José Pérez, fixo fincapé "nos valores que transmite este deporte, que aínda que é minoritario conta con obxectivos comúns por iso o Clúster nos vai permitir ter máis forza para ser quen de ofertar o abano completo en todas as idades".

Pola súa banda, o presidente da Asociación Valentes, Diego Pagnotta, resaltou "a unión dos pais e nais de nenos e nenas que practican este deporte" e engadiu que con este proxecto buscan sumar "paixón, forza e valores".

Finalmente, o secretario da asociación CDU Rugby Veteanos, Víctor Arce, amosou a súa "alegría porque, aínda que é certo que o rugby é un deporte minoritario, tamén o é que se trata do deporte que máis crece a nivel porcentual no conxunto do Estado, cunha media de crecemento do 300 ou 400%".

O Clúster Rugby en Compostela ten xa organizado o seu primeiro evento. Será o 21 de xaneiro no Polideportivo de Santa Isabel e traerá a aproximadamente 300 nenos e nenas de toda Galicia nunha competición para idades de entre 4 e 12 anos.

Compartir: