ALCALDÍA

O Concello de Santiago pecha o Ano da Memoria coa presentación dun libro sobre o Estatuto do 36

12/12/2016 O alcalde presentou hoxe o libro 1936. O Estatuto esquecido, un libro publicado pola Editorial Guiverny que contou coa colaboración do Concello. Martiño Noriega explicou que "este volume vén pechar a celebración do Ano da Memoria, no que o Goberno compostelán quixo mostrar como era a nosa cidade antes de que a súa historia se vira alterada polo Golpe de Estado de 1936".

Noriega lembrou que, ao longo deste 2016, o Concello colaborou co grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago na celebración dun Congreso Internacional e na organización dunha grande exposición sobre o 80º aniversario do inicio da Guerra Civil Española. Tamén celebrou diversas actividades para lembrar a Luís Porteiro Garea, fundador da Irmandade da Fala de Santiago.

Este libro, salientou o rexedor, "vén pechar ese círculo". Explicou que el mesmo participa no volume cun artigo no que quixo incidir no papel que xogou Compostela no proceso estatutario, "porque foi o Concello de Santiago o que convocou unha asemblea de municipios para relanzar o proxecto estatutario, foi a nosa Facultade de Medicina a que acolleu en decembro do 32 a asemblea que rematou cun proxecto de Estatuto aprobado, foi en Compostela onde se constituíu despois o Comité Central da Autonomía, e foi na nosa cidade dende a que se fixou a data do plebiscito que mostrou un apoio masivo ao Estatuto xa no ano 36".

Once autores para reflexionar sobre o Estatuto do 36
A directora da Editorial Guiverny explicou que a súa intención foi reunir a 11 autores que, coordinados polo historiador Xosé Fortes, ofrecen a análise máis exhaustiva e pormenorizada dun momento histórico clave para entender a Galicia de hoxe e a súa arquitectura política. Belén Fortes incidiu en que os diferentes artigos "dan unha visión desa forza anónima que levou ás galegas e galegos a votar masivamente para recuperar a súa dignidade como pobo, a pesar das presións caciquís da época". O Golpe de Estado, dixo, "impediu que se materializara ese soño do Estatuto do 36, pero permitiu que a actual Constitución recoñeza a Galicia como unha nacionalidade histórica".

O libro 1936. O Estatuto esquecido será presentado mañá martes, nun acto que se celebrará ás 20:00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia.

Compartir: