ACCIÓN CULTURAL

Carlos Alba abre na Zona "C" a intervención "The observation of trifles"

30/11/2016 Carlos Alba (Madrid, 1984), inaugura na Zona "C" The observation of trifles, intervención seleccionada na primeira convocatoria de apoio á creación en artes visuais da Concellaría de Acción Cultural, na modalidade de intervención artística. A inauguración será hoxe mércores, 30 de novembro, ás 20:00 horas, nun acto no que o artista estará acompañado polo concelleiro Jorge Duarte.

Carlos no papel de "eu son o emigrante" descobre o leste de Londres e os seus habitantes. Desenvolve o traballo nos barrios de Tower Hamlets e Hackney xa que vive na fronteira de ambos os distritos. Segundo estatísticas recentes, son os dous council máis pobres e máis de moda de Londres. Barrios que se comezan a aburguesar e nos que xa se pode atopar unha estraña mestura de identidades, clases sociais e culturas que quedan atrapadas na mirada de Carlos Alba.

Nos seus paseos recompila obxectos que atopa nas rúas para utilizalos como unha especie de arqueoloxía visual. A combinación de obxectos atopados e as fotografías de persoas, lugares e obxectos chegan ao espectador dunha maneira física e envolta en misterio.

Carlos, el mesmo estranxeiro, trata de atopar así o seu camiño nun novo país e nun novo barrio. Cámara en man, fala cos veciños e veciñas na procura das súas historias, e en ocasións consegue relacionar obxectos con historias concretas, poboando o seu mundo expresivo con reproducións de mobles urbanos, paisaxes de vivendas sociais creadas entre os anos 50 e 70 para londinienses e inmigrantes con rendas baixas e con papeis con notas, con debuxos, con direccións, rolos, fotos ou rolos de películas que os cidadáns do leste de Londres perderon nos seus paseos polo barrio. O máis importante do proxecto son para Carlos Alba as persoas que coñece grazas aos obxectos que atopa.

Unha estética fotográfica de gran valor poético que na súa estadía en Santiago estende aos veciños do barrio de San Pedro, cos que traballa xerando novas relacións e novas historias de vida, que poderemos compartir co artista na Zona "C" e no Matadoiro Compostela.

Nese encontro e a modo de "taller de arte visual", o artista compartiu nocións básicas de cultura visual e de fotografía. Finalizado o encontro, a cada persoa deulle unha cámara compacta dun só uso para fotografar obxectos que lle lembren a alguén, as súas mascotas, a súa rúa, a súa vida diaria, a súa casa, o bar onde toma café, os seus amigos... para que eles mesmos documenten a súa realidade.

O resultado poderá verse o xoves 1 de decembro no Matadoiro:

- 20:00 h. Visita guiada do barrio de San Pedro polos veciños/as de A Xuntanza.
- 21:30 h. "Se chove, que chova". Proxeccións de fotografías realizadas polos veciños/as de A Xuntanza e recital de poesía de Eduard Velasco "Ruído de trens".

Carlos Alba
O seu traballo foi exposto no Festival Circulation(s), en París (Francia); Art Incubador, en Lodz (Polonia); Museo de Fotografía de Tesalónica (Grecia); Sala El Águila, en PhotoEspaña (Madrid); Bitume PhotoFest, en Lecce (Italia); Galería La Fábrica (Madrid). Foi un dos gañadores de Flash Forward UK 2016 (Magenta Fundation), Zona "C" (Auditorio de Galicia) e finalista en Grand Prix Fotofestiwal (Lodz, Polonia) e Encontros Da Imagem (Braga, Portugal). Ademais o libro foi seleccionado en The RPS Photobooks en Londres, Impressions Gallery en Bradford e no festival SCAN de Tarragona.

Colabora habitualmente con revistas semanais e mensuais. Ten traballos publicados en AD, Esquire, Forbes España, Grazia, I-D Magazine, Woman Madamme Figaro, Yo Dona...

Compartir: