EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Santiago de Compostela celebra o Día Internacional da Cidade Educadora

30/11/2016 O 30 de novembro celébrase o Día Internacional da Cidade Educadora, unha data que o Concello de Santiago quixo celebrar mediante a lectura, por parte do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, dun manifesto dos alcaldes e alcaldesas da Asociación Internacional de Cidades Educadoras.

Martiño Noriega destacou que, con este documento, "manifestamos o noso compromiso cos obxectivos de desenvolvemento sustentable e, concretamente, traballamos para garantir unha educación inclusiva e de calidade para todas e todos e ao longo da vida, como motor de desenvolvemento persoal e colectivo e de transformación urbana a favor dunhas cidades máis xustas, solidarias e interculturais"

O rexedor compostelán continuou coa lectura do manifesto, no que se asegura que "hoxe en día, podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que a educación atravesa os muros da escola e se estende a toda a cidade, impregnando os seus barrios, espazos públicos e institucións".

En relación a isto e, sendo conscientes dos retos que se propoñen, o Concello traballa para que a educación sexa eixe transversal de todas as políticas locais, tomando conciencia e reforzando o potencial educador das actuacións e programas de saúde, ambiente, urbanismo, mobilidade, cultura, deporte, etc., e para democratizar o acceso a todos os bens da cidade.

No acto, celebrado no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, participaron alumnado, profesorado e directivas do institutos Rosalía de Castro, Fontiñas e San Clemente, e do Colexio Nosa Señora dos Remedios, así como as directoras da Rede de Escolas Infantís Municipais. A nota musical puxérona Olaia Novo, Guillermo Alzuragay e Antonio Ocampo, profesores da Escola Municipal de Música, que interpretaron Lela, de Rosendo Mato, e Beautiful, de Hindi Zhara. Xunto a eles tamén estivo o director da EMM, Fernando Rey.

Compartir: