TURISMO

O Mercado da Estrela celebrará o seu quinto aniversario os días 17 e 18 de decembro

29/11/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e as organizadoras do Mercado da Estrela, Mónica Mejías e Elena Sánchez, presentaron no Pazo de Raxoi a quinta edición do evento, que se celebrará os días 17 e 18 de decembro coa colaboración de Turismo de Santiago. O Mercado da Estrela chega a súa quinta edición convertido nun festival urbano de inverno gratuíto para visibilizar o talento das persoas creadoras, artistas, artesáns, produtoras e emprendedoras de Galicia.

Cunha asentada traxectoria na cidade dende 2012, o Mercado da Estrela amplía os seus contidos nesta edición, consolidándose como un festival urbano de inverno que, baixo o lema "Agasalla talento galego", continúa fiel á idea de apostar polos produtos galegos nos agasallos das festas e ofrecer unha programación gratuíta para os reencontros e os brindes previos a Noiteboa.

A Feira Creativa situarase no Claustro do Museo do Pobo Galego e no Matadoiro Compostela con marcas de deseño de moda e complementos, robótica e xoguetes artesanais, bixutería e xoiaría, ilustración e papelería, decoración, cerámica e obxectos para o fogar... Na praza 8 de Marzo instalaranse seis vehículos de comida que ofrecerán unha apetecible oferta gastronómica que os visitantes poderán degustar dinamizados por sesión DJ durante ambas xornadas.

A Carpa Cantina Gourmet ampliará a carta de restauración e será o espazo no que se desenvolverán os concertos das bandas galegas da electrónica, indie, pop e rock que participarán no 5º aniversario da iniciativa. O Mercado contará ademais con múltiples actividades, como obradoiros creativos, un servizo de gardería-ludoteca de balde ou charlas con entrada libre no Foro Emprendedores a Escena.

O Mercado da Estrela configúrase así como unha proposta moderna e integradora de música, artesanía, sostibilidade, gastronomía, solidariedade, creatividade, ocio, compras e novas tendencias que servirá como atractivo para turistas, visitantes e poboación local e que reunirá a creadores, artistas, artesáns, produtores e emprendedores chegados dende toda Galicia para dar a coñecer as súas pezas e produtos nas datas previas ao Nadal.

O horario do Mercado da Estrela será de 11:00 a 21:00 horas no Museo do Pobo Galego e no Matadoiro Compostela, de 11:00 a 22:00 horas nas zonas de restauración e ata entrada a noite na Cantina Gourmet, onde terán lugar os concertos. Para máis información pode consultarse a web do evento, www.mercadodaestrela.es.

Compartir: