IGUALDADE

O innovador taller "Novas masculinidades" traballará a igualdade cos homes

29/11/2016 A Concellaría de Igualdade organiza un obradoiro de igualdade para este fin de semana, dirixido a traballar este tema cos homes. Trátase dun taller de autocoñecemento corporal que leva por nome Novas masculinidades.

O obxectivo fundamental desta actividade é mellorar o autocoñecemento persoal, poñendo no centro os coidados propios como punto de partida para mellorar as nosas relacións coas demais persoas. Os corpos dos homes, atravesados pola masculinidade dominante, son fogares excesivamente ríxidos onde calquera tipo de medo ou frustración é facilmente expresado con violencia.

Aprender a recoñecer estas tensións, tomando consciencia dos nosos corpos, axuda a relaxar, a reducir o estrés e a agresividade. É unha vía de apertura dos nosos corpos cara o bo trato con nós mesmos como base onde nos impulsamos para estender ese trato en positivo co resto da xente. Unha cultura de paz que axude a desterrar a violencia, en particular a de xénero.

Traballo corporal
A metodoloxía de traballo parte dunha práctica precisa e sinxela que combina diferentes técnicas de traballo corporal: estiramentos, traballo respiratorio e de consciencia corporal. A metodoloxía adáptase ao ritmo da persoa, co cal non é preciso ter ningún tipo de coñecemento ou traballo realizado con anterioridade.

O curso será impartido por Belén Rial e Carmen Cunqueiro, terapeutas morfoanalistas con ampla experiencia no traballo psicocorporal.

A duración da actividade será de 16 horas. Terá lugar o sábado 3 e o domingo 4 de decembro, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, no Centro Social "O Matadoiro", situado na praza do Matadoiro. As prazas para o curso son limitadas, polo que se aceptarán as mesmas por rigorosa orde de chegada á dirección de correo electrónico micromachinhos@gmail.com, indicando nome e teléfono de contacto.

Esta é a primeira das actividades que impulsa a Concellaría de Igualdade destinada ao colectivo masculino e que pon de relevancia a importancia do papel que os homes poden xogar para construír un futuro de igualdade entre mulleres e homes. Esta motivación, tal e como sinala o documento elaborado pola ONU en 2008 sobre o papel dos homes e os nenos no logro da igualdade, provén de diversas fontes; por exemplo, das relacións dos homes coas mulleres, da preocupación polo seu propio benestar persoal ou das súas familias ou do seu sentido da xustiza social.

É por isto que a Concellaría de Igualdade abre esta canle de participación confiando en que estas accións contribúan a abrir camiños que nos leven a unha sociedade máis xusta e igualitaria entre mulleres e homes.

Compartir: