ACCIÓN CULTURAL

Os centros socioculturais de Santiago vólvense sumar ao Outono Fotográfico

31/10/2016 Santiago vólvese sumar ao Outono Fotográfico, o festival de fotografía decano da Península Ibérica, e faino acollendo seis exposicións noutros tantos centros socioculturais. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe as actividades nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo director do certame, Xosé Lois Vázquez.

Branca Novoneyra reiterou o respaldo do Concello de Santiago ao Outono Fotográfico, "e máis cando atende ao interese do Goberno de descentralizar as accións culturais, e permitir que a veciñanza dos distintos barrios poida acceder a estas iniciativas de interese sen ter que acudir aos museos, localizados principalmente na cidade histórica". A concelleira tamén gabou a traxectoria do certame "dende o seu nacemento hai 34 anos da man do falecido Benito Losada, ata hoxe, que ten presenza en máis cidades, e que nos permitirá coñecer o traballo de máis de 300 fotógrafos".

Seis exposicións en Compostela
Nesta edición, o Outono Fotográfico traerá a Compostela seis exposicións que se poderán visitar do 3 ao 30 de novembro. No Centro Sociocultural do Ensanche instalarase unha mostra da sección oficial do certame, con obras do Segundo Premio Galicia de Fotografía Contemporánea asinadas por José Romay e Berto Macel.

No Aurelio Aguirre de Conxo estará a exposición A mirar para o interior, do portugués Miguel Vasconcelos, e nas Fotiñas poderemos coñecer a obra de Bernardo Cañizares, nunha mostra titulada Lonely eyes for empty spaces. José López Pérez protagonizará a exposición Dentro-fóra do Curro, que se vai instalar no Centro Sociocultural José Saramago de Vite.

Tamén están previstas dúas exposicións colectivas: no Centro Sociocultural Agustín Bueno do Castiñeiriño exporase Rodando e, na Trisca, Fasquía-St. Feitura, Aparencia dun barco.

Actividades formativas
Como é habitual, o Outono Fotográfico tamén trae a Santiago algunhas das súas actividades formativas. No Centro Sociocultural de Pontepedriña celebraranse dúas delas: un obradoiro de iniciación á fotografía dixital e un obradoiro de fotografía dixital creativa. A terceira das actividades de formación será no Centro Sociocultural de Conxo, e será un obradoiro de retoque fotográfico con lightroom.

Algo máis que un festival de fotografía
O director do Outono Fotográfico aproveitou a súa participación na rolda de prensa para agradecer que Santiago siga sendo "un dos cinco patrocinadores principais do festival, que vai máis alá dun evento fotográfico para ser toda unha operación cultural". Xosé Lois Vázquez amosouse convencido de que "a imaxe fotográfica chegará moi pronto a ser unha linguaxe da mesma importancia que a escrita, e teorizarase e analizarase do mesmo xeito". Por iso, o Outono Fotográfico quere ser algo máis que un conxunto de exposicións "senón que deriva nun libro no que se pode afondar nesa nova linguaxe".

O director explicou que o lema do certame deste ano é "Dentro-Fora", en referencia á elección que todo fotógrafo ten que facer "sobre o que fotografar e sobre o que deixar fóra, porque o encadre narra o que queremos contar".

O Outono Fotográfico chega este ano a 25 cidades e vilas de Galicia e Portugal, con 63 exposicións individuais e 29 colectivas, e coa participación de 304 fotógrafos.

Compartir: