MOCIDADE

"Boas Noites" trae unha chea de actividades para a mocidade todos os venres e sábados de novembro

31/10/2016 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou o programa Boas Noites, unha das actividades máis votadas no proceso piloto de Orzamentos Participativos do 2016, posto en marcha na área de Mocidade. Na rolda estivo acompañada de Nerea Couselo, da empresa Xandobela, e Adrián Rei, da Asociación Cultural e Xuvenil Itaca, a encargada de propoñer e desenvolver esta actividade.

A concelleira explicou que "a proposta nace coa vontade de ofrecer alternativas de lecer distintas ás que normalmente se relacionan coa xente moza durante as noites da fin de semana, tempo que se pode encher de actividades culturais, lúdicas, sociais e educativas que susciten a participación e o interese do colectivo da nosa xuventude". En total desenvolveranse sete tipos de actividades durante todos os venres e sábados do mes de novembro.

Xogo
Boas noites inclúe actividades de xogo como "Itacatetimba", de 14 a 18 anos os venres 4, 11, 18 e 25 dende as 21:00 ás 23:00 horas. Hai un total de 15 prazas. Haberá tamén "Xogos sobre rodas!", con Andrea Regueira, a partir dos 14 anos, con cita o sábado 5, de 21:00 a 23:00 horas, no CSC de Conxo. Son 20 as prazas dispoñibles. Finalmente destaca "Prisciliano, onde estás?" e "A polo Castañón", ambas con Itaca. Serán o 12 e 19 de novembro respectivamente, a primeira delas cunha quedada ás 21:00 horas na praza do Toural e a segunda ás 20:00 horas na praza de Cervantes.

Arte
O programa Boas Noites comprende tamén actividades de arte: "Moita tea" e "Segundas vidas", con Lucía Jurgo, dúas actividades para 15 mozos e mozas de máis de 18 anos. Serán o venres 4 e 11 de novembro, respectivamente, de 21:00 a 23:00 horas, na rúa do Pombal, 18.

"Solarigrafía", con Otto Roca, busca a diversión da mocidade maior de 18 anos os venres 4, 11 e 25 de novembro de 22:00 a 00.30 horas nas Brañas de San Andrés, en Vista Alegre. Tamén hai prazas limitadas a 15 participantes.
O venres 18, de 21:00 a 23:00 horas, espéranos "Recoiro!", con "O taller de Fer", a partir dos 18 anos, tamén na rúa do Pombal, 18. Minia Regos achegaranos "O meu primeiro álbum ilustrado", a partir de 18 anos na mesma localización. A actividade será o venres 25 de 21:00 a 23:00 horas.

Finalmente, Mateo Vieites tráenos "Light painting", tamén a partir de 18 anos, un taller que se celebrará o venres 18 de 22:00 a 00:00 horas nas Brañas de San Andrés.

Cociña
As actividades de cociña do Boas noites chegan a través de Tareixa Martínez Barral. "Ándale güey", o venres 4; "Adeus aos tuppers de mamá e papá", o venres 11; "De boa gana che son vexetariana", venres 18; e "Larpeiradas", o día 25. Todas as actividades de cociña son para maiores de 18 anos, en horario de 21:30 a 00:00 horas e desenvolveranse nas Brañas de San Andrés. Están limitadas a 15 prazas.

Baile
O baile tamén ten cabida nesta multitude de actividades para o mes de novembro. "Che pibe, bailás?", con María Ángeles Iglesias, o venres 4 de novembro; "Breakdance", con Vella Escola, o sábado 5; "Danza africana", con Galinké, o venres 11; "Danza Tribal", con Tamara Sánchez, o día 18; e "Entra no baile a bailar", con Chus Caramés, o venres 25. Todas as actividades son para maiores de 18 anos, están limitadas a 15 prazas e son de 21 a 23 horas, no Centro Xove da Almáciga.

Saúde
Fina Rivas e Anna G. Reig traerán á rúa do Pombal dúas actividades moi saudables. A primeira leva por nome "3,2,1… relax" e celebrarase o 12 de novembro de 21:00 a 23:00 horas. A segunda é un obradoiro de risoterapia a cargo de Anna G. Reig, o sábado 26 de novembro en horario de 21:00 a 00:00 horas.

Música
Tamén o Centro Xove da Almáciga será o espazo elixido para desenvolver as actividades de música. Teremos "Percusión africana", con Galinké o próximo sábado 12 de novembro de 21:00 a 23:00 horas; "Turntablism DJ", con Vella Escola, o sábado 19 de novembro de 21:00 a 23:00 horas; e "Percusión doméstica" con Carlos Martínez, o sábado 26 de novembro de 21:00 a 23:00 horas. As actividades teñen limitación de prazas e son para maiores de 18 anos.

Circo
Finalmente, Circo Nove achégannos dúas actividades circenses limitadas a 20 prazas cada unha e dirixidas a maiores de 16 anos: "Unha de acrobacias!", o sábado 12 de novembro de 21:00 a 23:00 horas, e "Fun polo vento, vin polo aire", o 26 de 21:00 a 23:00 horas. Serán na rúa das Cancelas, 125.

As inscricións poden formalizarse 20 minutos antes do comezo de cada actividade, por rigorosa orde de chegada. O obradoiro de solarigrafía consta de tres sesións, polo que as persoas inscritas serán as mesmas en todas as sesións.

Compartir: