MEDIO AMBIENTE

Amplo calendario de actividades no CIAC durante o mes de novembro

28/10/2016 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), celebrará este vindeiro mes de novembro o Día do Consumo e o Día contra a Explotación Ambiental , ademais dunhas xornadas sobre cambio climático. O amplo calendario de actividades completarase cun roteiro e cun cun cineforum.

O calendario de actividades ábrese o sábado 12, de 11:00 a 13:00 horas, coa celebración do Día Internacional para a Prevención da Explotación Ambiental. En colaboración coa Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), realizarase un xogo de rol para traballar sobre a explotación ambiental e como podemos actuar as persoas para ter un menor impacto no medio, co obxectivo de espertar un pensamento crítico e pasar un anaco divertido. A proposta está dirixida a mozos e mozas 13 a 18 anos.

O sábado seguinte, 19 de novembro, conmemorarase o Día Internacional Sen Compras. Con este motivo, entre as 11:00 e as 13:00 horas, celebrarase un obradoiro de contrapublicidade. Analizaranse dez estratexias publicitarias que teñan relación co medio ambiente e posteriormente crearanse en grupos uns contraanuncios críticos e divertidos. Dirixido a todos os públicos a partir de 13 anos.

Seguindo con esta temática, o domingo 27 de novembro, ás 11:00 horas, realizarase un Cineforum, co visionado do documental Gran Superficie. Trátase dun vídeo documental sobre o papel da publicidade no sistema actual de sobreprodución e sobreconsumo. A través de entrevistas e varios exemplos de intromisión publicitaria, analízanse temáticas como a alimentación, os medios de comunicación ou a educación. Dirixido a todos os públicos a partir de 16 anos.

No mes de novembro tampouco faltará o habitual roteiro, nesta ocasión de biodiversidade na cidade. Será o sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, e as persoas participantes descubrirán a flora e a fauna máis próxima e descoñecida da cidade.

Xornadas sobre Cambio Climático en Galicia
Outra das propostas do mes é a das Xornadas sobre Cambio Climático en Galicia, que se desenvolverán en dúas xornadas. Na primeira, o venres 25 de novembro, ás 17:00 horas, abordarase o tema nun café-diálogo, no que participará Xosé Veiras e Pablo Meira.

A segunda entrega será o venres 2 de decembro, ás 17:00 horas, con outro café-diálogo, no que falarán Xoán Doldán e Miguel Pardellas, que abordarán, respectivamente, as alternativas dende o descenso enerxético e as alternativas dende as comunidades.

Máis información sobre todas estas actividades no teléfono 981 543 145 ou a través do correo electrónico ciac@santiagodecompostela.org.

Compartir: