POLÍTICAS SOCIAIS

O BOP publica a aprobación definitiva da nova ordenanza Compostela +

31/08/2016 O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a aprobación definitiva da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago, Compostela +. O texto entrará en vigor nun prazo de 20 días.

A ordenanza Compostela + foi aprobada polo Pleno da Corporación no pasado mes de xuño, para substituír á anterior ordenanza Santiago Suma. Este texto resultou ser inexecutable, por estar enmarcado na Lei de Subvencións, que impedía que accederán ás axudas persoas que tiñan débedas coas administracións. Ademais, incrementouse o investimento económico ata 1,2 millóns de euros, xa previstos nos orzamentos de 2016.

Compostela + incorpora dúas novidades importantes, como son a cobertura das persoas migrantes en situación irregular e a duración da Renda Básica, que é de 12 meses prorrogables a 24, previo informe favorable dos servizos sociais municipais.

Renda Municipal de Garantía Básica
A Renda Municipal de Garantía Básica é unha prestación económica extraordinaria e temporal que está vencellada a un itinerario de inclusión cidadá, prevista para persoas en situación de vulnerabilidade social ou en situación ou risco de exclusión social.

O obxectivo é que cada persoa poida facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios. Poden acceder a ela as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en Santiago e que se atopen en situación de vulnerabilidade social.

Establécese o acceso no 100% do IPREM para o ano en vigor e increméntanse as contías con respecto ao Santiago Suma, de tal forma que as contías a percibir irán dos 523,51 euros ata os 798,58, en vez dos 399,38 aos 697,58 do Santiago Suma.

Tamén se incrementa a duración da renda, sendo de 12 meses prorrogables a 24, segundo informe de servizos sociais.

Prestacións de rescate social
As prestacións de rescate social son un conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente, destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non poidan facer fronte a necesidades básicas. Para este caso tamén se modifican os requisitos de acceso, reducindo a tres meses o tempo mínimo de empadroamento e simplificando a xestión.

Compostela + recolle cinco tipos de prestacións. Por un lado, prestacións para a cobertura de necesidades básicas como alimentación diaria, vestido, aloxamento e habitación, coidados básicos, etc, ata un máximo de 399,38 euros, cubrindo o 75% do alugueiro como máximo ou o 100% no caso de non existir ningún outro recurso.

Outras son as prestacións de habitabilidade e pobreza enerxética e equipamento básico de vivenda, que inclúen débedas por subministro de luz ou gas, débedas da comunidade de propietarios, por endebedamento previo… As contías tamén se elevan en relación ao Santiago Suma, indo dende os 532,51 aos 1.065,02 euros.

O terceiro tipo de prestacións son as prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades, que son gastos asociados ás axudas técnicas que precise unha persoa en situación de dependencia ou con discapacidade valorada pola administración competente. Excepcionalmente, outorgaranse tamén axudas para próteses oculares ou auditivas por problema sanitario e non estético, diagnosticadas por facultativo do sistema público de saúde. As contías pasan dos 655 euros do Santiago Suma aos 931 desta nova ordenanza.

Ademais, incorpóranse dúas novas prestacións: a de fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios, onde se cobren gastos de manutención, transporte, etc., e as prestacións para saúde bucodental.

Compartir: