FESTAS

O traxe galego volverá encher as rúas do casco histórico nas festas do Apóstolo

29/07/2016 As rúas de Compostela encheranse mañá de novo do colorido das indumentarias tradicionais galegas, no XXXVII Día do Traxe Galego. Trátase dunha das citas máis emblemáticas das festas do Apóstolo, organizada pola Asociación do Traxe Galego en colaboración co Concello, e co patrocinio de El Corte Inglés.

A xornada de enxalzamento do traxe comezará ás 11:30 da mañá, co desfile desde a Alameda ata a praza do Obradoiro. Dúas horas despois está prevista unha recepción no Pazo de Raxoi. Pola tarde haberá un novo desfile, a partir das 19:30 horas dende Bonaval para rematar na praza da Quintana. Alí celebrarase a exhibición, concurso de traxes e entrega de premios.

A Asociación do Traxe Galego lembra que a participación nos desfiles é libre, e non é preciso inscribirse. Os seus responsables invitan a toda a cidadanía a sumarse ao día de festa e a saír á rúa cos seus traxes tradicionais, e instan ás asociacións culturais e ás escolas de baile e música tradicional a prestarlles os seus traxes a aqueles que desexen participar na xornada de enxalzamento.

Carlos Blanco e Luis Davila na Quintana
Na axenda das festas para mañá tamén figura unha actuación moi esperada. O actor Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila presentarán na praza da Quintana o seu espectáculo Menú do Día, unha montaxe que sorprende polas súas dificultades técnicas. E é que Luis Davila encárgase de debuxar, en directo, as tiras cómicas que relata Carlos Blanco, e todo iso aderezado coa música composta por Xosé Manuel Budiño e Kepa Junkera. A actuación comezará ás 22:30 horas, e a entrada é libre previa recollida nas billeteiras do Teatro Principal.

Por último, a programación do Apóstolo para mañá complétase coa actuación da orquestra Marimba na Alameda, a partir das 23:00 horas.

Compartir: