ALCALDÍA

Fomento fixa o mes de xullo como prazo para o remate das obras do paso inferior de Conxo e dos accesos ao Polígono do Tambre

30/06/2016 O alcalde de Santiago participou esta tarde na visita organizada polo Ministerio de Fomento para coñecer a marcha de tres proxectos nos que está traballando o Goberno central na nosa cidade. O percorrido comezou no túnel de Conxo. Alí, Martiño Noriega amosou a súa satisfacción por comprobar que unha obra que trouxo moitas preocupacións a Compostela por fin colleu bo ritmo e vai chegar ao seu fin. O rexedor tamén lle agradeceu á ministra de Fomento, Ana Pastor, que se atenderan as demandas da veciñanza e do propio Concello e se acometa o acondicionamento da rotonda en superficie.

A ministra de Fomento comprometeuse a que no mes de xullo saia a licitación o proxecto de acondicionamento da superficie, orzamentado en 250.000 euros e que contempla a creación dunha pequena zona verde. Ana Pastor reiterou que as obras do túnel de Conxo estarán completamente rematadas antes das festas do Apóstolo, unhas datas nas que se incrementa notablemente o tráfico en Compostela. A ministra incidiu en que este paso inferior é unha das infraestruturas máis importantes na capital galega, que custará máis de seis millóns de euros, e que debería estar executada dende hai moito tempo.

Enlace coa Cidade da Cultura e accesos ao Polígono do Tambre
O percorrido desta tarde, no que tamén participou a conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez, continuou na Cidade da Cultura. Alí, presentouse o proxecto de conexión do complexo do Gaiás coa autoestrada AP-9, que conta cun orzamento de 4,2 millóns de euros. O proxecto está sendo redactado por Audasa, e será licitado polo Ministerio de Fomento. Previamente, o Consello de Estado terá que darlle o visto bo ao convenio entre o Ministerio de Fomento e a concesionaria da autoestrada.

Por último, o alcalde, a ministra de Fomento e a conselleira de Infraestruturas visitaron o Polígono do Tambre, para coñecer como marchan as obras dos novos accesos. A actuación, cun custo de 1,3 millóns de euros, tamén estará rematada ao longo do mes de xullo.

Compartir: