ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Homenaxe aos profesores e directores de centros de ensino xubilados neste curso

30/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu este mediodía o acto de homenaxe ao profesorado e aos directores dos centros de ensino de Compostela que se xubilan este ano. Foi nun acto no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, no que participaron centros de ensino público, privado e concertado, así como representantes dos catro grupos da Corporación municipal.

Durante o acto, o alcalde lembrou a importancia do rol de profesores e profesoras "que traballan cun material tan sensible como é a formación dos nenos e nenas, que inevitablemente vai máis alá do espazo familiar". Martiño Noriega incidiu en que son moitos os mestres e mestras que "marcan a nosa vida". Tamén reivindicou a importancia do ensino público "como corrector das desigualdades sociais".

No nome dos homenaxeados, no acto interveu Uxío Leira, que loubou o traballo que realiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago, "sempre disposto a escoitar as demandas dos colexios, aínda que non sempre teña recursos para solucionalas". O director do CEIP Raíña Fabiola, que se xubila neste curso, tamén quixo poñer en valor a calidade dos centros educativos de Compostela, "sobre todo dos centros públicos, que son un valor en alza da nosa cidade".

No acto deste mediodía foron homenaxeados os profesores María Angustias García Buño e María del Carmen Míguez Rodríguez, do CEIP Monte dos Postes; Mª Ángeles Otero Moldes e Rosario Fernández Fuentes, do CEIP de Roxos; Anxo Aldrey e Uxío Leira, do CEIP Raíña Fabiola; Manuel Otero Raña, Mª Teresa Piferrer-Álvarez Pardiñas, Manuel Barcarcel López, Francisco Javier Suárez Regueiro e Vicente Verano Rodríguez, do IES Xelmírez II; Santiago Conde Arosa, director do CEIP das Fontiñas; e José Conde Conde e Ingeborg Werner, do Colexio Manuel Peleteiro. Ademais dos seus compañeiros e familiares, ao acto asistiron os directores e directoras de boa parte dos colexios públicos, privados e concertados de Compostela.

Compartir: