FACENDA

Constituído o grupo motor que dirixirá o proceso dos orzamentos participativos

29/06/2016 O martes pola tarde quedou constituído o grupo motor que dirixirá o proceso de orzamentos participativos para o 2017. Na primeira xuntanza participaron 70 persoas, entre colectivos veciñais, tecido asociativo, partidos políticos (que conforman o Consello de Relacións Veciñais) e cidadáns e cidadás a título individual.

Na xuntanza de onte o Goberno local expuxo a súa proposta en relación ao regulamento e tamén a proposta do Goberno sobre os 3 distritos, dos 7, que participarían este ano no proceso. O grupo motor xa ten toda a información e o vindeiro luns quedará aprobado definitivamente o regulamento do proceso. Por iso, ata a próxima xuntanza hai posibilidade de que máis persoas poidan unirse a este grupo de traballo.

Tamén se deu conta da proposta dos tres distritos ou áreas que participarán este ano nos OP. A proposta do Goberno establece os barrios do nordeste (Fontiñas, San Lázaro, As Cancelas), suroeste (Pontepedriña, Castiñeiriño, Sar) e o rural. A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, explicou que se elixiron estes barrios "por chegar ao maior número de poboación posible, pola súa extensión territorial e por ser zonas onde menos investimento houbo nos últimos anos, especialmente no rural".

Todos os distritos participarán nos OP ao longo do mandato, de tal xeito que aqueles que queden fóra no ano 2017 entrarán no proceso no anos seguintes para que "os orzamentos participativos cheguen a toda a cidade".

Por riba da media
En total, a cidadanía poderá elixir como investir 1.100.000 euros do total do orzamento municipal, dos cales 1.000.000 será do capítulo de investimentos e 100.000 de actividades de mocidade, continuando así a experiencia piloto levada a cabo o ano pasado. "O Goberno fixo un gran esforzo", resaltou a concelleira de Facenda, "aínda que a cantidade poida parecer pequena, xa que se trata de que a veciñanza decida como investir o 15% do total de investimentos a razón de 11,40 euros por habitante, moi superior á media doutras cidades con semellante poboación". De feito, Zaragoza inviste 7,52 euros por habitante, Lugo un total de 4,80 e Cádiz 4,15. En todo caso "o desexo do Goberno é poder incrementar esta contía ao longo do mandato".

Cronoloxía
A concelleira de Facenda explicou como se artellará o proceso ao longo dos próximos meses. O luns que vén, o grupo motor aprobará o regulamento.

A partir dese momento e ata o mes de setembro poderán presentarse propostas de investimentos -ben de cidade (é dicir, que aglutinan a varios barrios ou son beneficiosas para o conxunto da cidadanía), ben dos distritos que participan-, e de actividades para a mocidade.

Haberá asembleas presenciais e habilitarase unha web para propoñer e priorizar as propostas que consideren máis acaídas. Un equipo técnico do Concello encargarase de valorar a viabilidade das mesmas e de orzamentar o seu custo, para que a cidadanía poida escoller tendo a maior información posible.

Compartir: