CULTURA

Máis de 120 filmes na vixésima edición de Cineuropa

31/10/2006 Un ano máis, Cineuropa non falta á súa cita do mes de novembro. Do 2 ao 30 de novembro, Compostela énchese de cinema grazas a un festival que este ano chega á súa vixésima edición. Proxectaranse máis de 120 filmes, un 50% máis que o pasado ano.

Do total de filmes, máis de 50 serán estreas. En Compostela poderán verse os últimos filmes de directores como Chabrol, Kaurismäki ou Paskaljevic, e as obras triunfadoras en San Sebastián, Sitges, Valladolid ou Berlín. Pero o festival chega con outras moitas novidades, como unha sección dedicada aos documentais, unha especial mirada cara o cinema asiático ou unha retrospectiva de Joao César Monteiro. Tampouco faltarán as "Cinefilias", con obras a recuperar como a versión restaurada de "Mayor Dundee", de Sam Peckinpah.

Outra das novidades de este ano é que as proxeccións abranguerán seis espazos: o Teatro Principal, o Salón de Teatro, a Sala Yago, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Fundación Caixa Galicia e a Aula Socio-Cultural de Caixa Galicia. As entradas estarán á venda nos tres primeiros espazos, a partir das 15:00 horas, e tamén a través do teléfono (902 43 44 43) e de Internet (www.caixagalicia.es). O prezo das entradas é de 3 euros, aínda que se pode mercar un bono para 10 películas por 20 euros. O prezo do maratón será de 9 euros.

Toda a programación foi presentada polo director do Festival, José Luis Losa, que fixo quen destacou "os 20 anos de total independencia e liberdade para elaborar a programación". Acompañouno o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, para o que Cineuropa "vai a máis" no seu compromiso "co cine que moitas veces non podemos ver nas pantallas comerciais". Tamén estiveron na presentación o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva, e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández.

Compartir: