ALCALDÍA

O CIAC programa unha xincana ambiental e dous novos roteiros para o mes de xuño

31/05/2016 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela celebra este mes de xuño o Día do Medio Ambiente (5 de xuño). Por isto, ademais das actividades habituais, o CIAC organiza unha xincana especialmente preparada para público familiar (nenos e nenas e nenos maiores de 8 anos), coa que descubrir Compostela dende unha perspectiva ambiental.

A xincana ambiental polo CIAC celebrarase o domingo 5 de xuño, de 11:30 a 13:30 horas. A través de diferentes probas, os participantes coñecerán o medio ambiente urbano de Compostela e obterán unha nova visión da nosa cidade dun xeito divertido e lúdico.

As actividades do CIAC continuarán o xoves 23 de xuño, ás 17:00 horas, cun roteiro-obradoiro de recollida de herbas de San Xoán. Celebraremos a chegada das Solsticio de Verán facendo unha saída na contorna do CIAC para recoller as herbas de San Xoán, recoñecelas e preparar ben a chegada desta noite tan especial.

Dous días despois, o sábado 25 de xuño, celebrarase outro roteiro, desta vez polas Brañas do Sar. Será ás 12:00 horas.

Todas as actividades ofertadas son de balde, mais é preciso inscribirse. Máis información a través da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.org ou do teléfono 981 543 145.

CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que
axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

O CIAC está aberto para público xeral as fins de semana e días festivos de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. Pola semana o CIAC abre para visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva (chamando ao 981 543 145).

Compartir: