CEMITERIOS

Medra a utilización do servizo de incineración en Compostela

31/10/2006 A opción da incineración é cada vez máis utilizada polos habitantes de Compostela e do seu contorno. Dende outubro do pasado ano, realizáronse 160 incineracións no crematorio de Boisaca, segundo anunciou a concelleira de Cemiterios, Marta Álvarez-Santullano.

A maior utilización da incineración tamén a revela a ocupación dons incensarios, 70 só no último ano. Esta cifra contrasta coas 109 dos últimos dez anos. Cómpre lembrar que Compostela dispón de crematorio dende hai dous anos aproximadamente. Hai que destacar tamén o uso que das instalacións de Boisaca realizan habitantes doutros concellos do contorno.

Tamén se incrementa cada ano a utilización dos servizos do tanatorio de Boisaca. Dende outubro de 2006, a cifra de ocupación das salas foi de 267. Entre os feitos a ter en conta para esta suba está que xa se realizan funerais na capela do tanatorio. Outro dato que apuntou a concelleira foi o das 295 inhumacións rexistradas.

Marta Álvarez-Santullano lembrou un ano máis os servizos municipais postos en marcha con motivo da celebración do Día de Defuntos. Así, a liña 1 do autobús urbano funcionará, o 31 de outubro e o 1 de novembro, de 8:30 a 20:30 horas cunha frecuencia de 15 minutos. Fóra deste horario, a frecuencia será a habitual. Ante calquera dúbida, os usuarios poden dirixirse á empresa concesionaria TUSSA, no teléfono 901 120 054. Ademais, reforzarase o servizo de limpeza. O cemiterio de Boisaca permanecerá aberto de 9:00 a 19:00 horas.

Compartir: