SEGURIDADE

O Plan Municipal de Emerxencia marcará as actuacións ante calquera tipo de risco na cidade

30/10/2006 Compostela contará en breve cun Plan de Emerxencia Territorial de Protección Civil, que determinará as actuacións a levar a cabo ante calquera situación de risco na cidade. A Xunta de Goberno local aprobou a contratación dunha asistencia técnica para a elaboración deste programa, por un importe de 49.000 euros.

O Concello de Santiago vén traballando dende hai tempo neste tema e adiántase así mesmo á futura lei autonómica de emerxencias, cuxo borrador se está a elaborar. A creación de plans de emerxencia deste tipo tamén é unha das recomendacións do Documento de Cuenca, recentemente elaborado na reunión mantida nesta cidade castelá por representantes das cidades españolas Patrimonio da Humanidade.

Na xuntanza de Cuenca falouse da importancia de protexer o patrimonio e reclamouse unha lexislación básica específica para protección do patrimonio contra o lume. Tamén se acordou facer unha guía de resposta fronte as emerxencias nos conxuntos monumentais e promover a creación de departamentos de prevención dentro dos servizos de bombeiros e protección civil.

Finalmente, o documento recomendaba promover a redacción e implantación de plans de emerxencia en estreita colaboración cos servizos de bombeiros e protección civil. Con este obxectivo créase o Plan de Emerxencia Territorial de Protección Civil de Santiago de Compostela, que consta de tres fases: a elaboración do Plan, a creación de guías de resposta e a implantación efectiva do Plan.

Primeira fase

Nesta primeira fase identificaranse os riscos potenciais de Santiago: inundacións, ventos, seca, seísmos, afundimentos, incendios, agresións industriais, riscos do transporte, riscos en actividades deportivas, riscos en grandes concentracións, riscos sanitarios, fallos de servizos públicos ou riscos por contaminación, entre outros. Analizaranse as consecuencias de cada un deles e achegaranse as medidas preventivas fronte a cada un dos mesmos. O Plan tamén fixará a organización local de Protección Civil, determinando o organigrama e a función de cada un dos membros.

O programa prevé o establecemento de distintos niveis de alarma en un plan de actuacións para cada un deles, con medidas para protexer a poboación e os bens: avisos, control de accesos, confinamento, evacuación e rehabilitación.

Guías e actualización

Nunha segunda fase crearanse guías de resposta para os cinco riscos máis relevantes. Explicaranse as causas e efectos, as medidas específicas para facerlle fronte, os danos que poidan causar estes riscos e as medidas de actuación.

Finalmente, a terceira fase consistirá na implantación efectiva deste Plan, que se enmarca dentro do Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (PLATERGA). Un dos aspectos destacados do programa de Compostela é que contará cun soporte informático que permitirá telo constantemente actualizado.

Compartir: