DEPORTE E TURISMO

SantYaGo10K premiará aos grupos máis numerosos de participantes chegados á meta

29/04/2016 SantYaGo10K, a carreira nocturna de Santiago de Compostela, introduce este ano novos premios para os grupos máis numerosos que cheguen á meta na praza do Obradoiro. Haberá dous premios para estes grupos de corredores populares: un para o grupo non federado con maior número de participantes que cheguen á meta, e outro especial para o grupo non federado con maior número de particiantes femininas. En ambos casos, o premio será de 150 euros.

Tamén se premiará ao Clube Federado en Atletismo con maior número de participantes, e tamén ao grupo (sexa ou non federado) que proceda dende máis lonxe; ambos premios tamén de 150 euros. Para optar ás premiacións por grupos ou clubes, os atletas debrán realizar a súa inscrición individual e posteriormente deberán enviar por correo electrónico, á dirección santyago10k@gmail.com, unha listaxe detallando os membros computables ao efecto.

Este ano tamén haberá un premio especial "Cándido Calvo", en homenaxe a un dos grandes atletas populares de Santiago das últimas décadas, que entre outros clubs foi membro activo do Atletismo Fontes do Sar dende a súa fundación, e que faleceu recentemente. Os seus compañeiros e amigos poderán dar recoñecemento a súa memoria con este premio, que pasará a levar o seu nome e que recoñecerá o esforzo dos atletas masculino e feminino máis veteranos que consigan cruzar a meta no Obradoiro.

Tamén haberá premios para os tres primeiros clasificados absolutos na categoría masculina e feminina, dotados con 200 euros para os primeiros, 100 euros para os segundos e 50 euros para os terceiros; e un premio de 100 euros para o primeiro home e muller empadroados en Santiago chegados á meta.

Os gañadores das distintas categorías por idades recibirán tamén un trofeo acreditativo. Finalmente, haberá un premio especial de 50 euros para os participantes que veñan de máis lonxe.

Máis de 600 persoas inscritas
Actualmente hai xa máis de 600 persoas inscritas. As inscricións poden realizarse de dous modos, cubrindo o formulario de inscrición que se atopa na paxina da carreira, www.santyago10k.es, e facendo o pago online, ou cubrindo o formulario e facendo o pago no Multiusos Fontes do Sar ou no Pavillón de Santa Isabel. Os socios destes complexos deportivos terán un prezo especial de catro euros, sempre que se anoten antes do oito de maio.

SantYaGo10K naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo. Esta edición incluirá ademais diferentes melloras a partires da experiencia acumulada no ano pasado, como a fixación dun límite máximo de 2.500 participantes ou a modificación do percorrido, que nesta ocasión será lineal e non dará dúas voltas ao mesmo circuíto.

Toda a información da carreira pode consultarse en www.santyago10k.es. Tamén pode seguirse en Facebook e Twitter.

Compartir: