POLÍTICAS SOCIAIS

Santiago celebrará o Día Mundial do Autismo cun emotivo acto na praza do Obradoiro

31/03/2016 Santiago de Compostela súmase á celebración do Día Mundial de Concienciación do Autismo cun acto na praza do Obradoiro que terá lugar a partir das 11:00 horas e ao que se quere convidar a toda a cidadanía. O acto enmárcase dentro da campaña Inclusión, tolerancia e respecto.

Ademais da participación do presidente da Federación de Autismo de Galicia, Antonio de la Iglesia, e da concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, terá lugar unha solta de globos de cor azul e a entrega simbólica do testemuño "pásao polo autismo". Xunto a este acto iluminaranse de azul durante a noite do 1 ao 2 de abril edificios como o Pazo de Raxoi e o Reitorado.

O Día Mundial do Autismo vense celebrando dende 2007, cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou por unanimidade o 2 de abril como o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, instando aos estados membros e organizacións a que observen este día e tomen medidas para a toma de conciencia a través da sociedade sobre as persoas con autismo.

Compartir: