ACCIÓN CULTURAL

O circuíto estatal Danza a Escena chega ao Teatro Principal co Ballet Carmen Roche

31/03/2016 Danza a Escena, o circuíto artístico promovido polo INAEM e desenvolvido por La Red Española de Teatros, Auditorios, Circuítos y Festivales de titularidade pública, recala por vez primeira Santiago de Compostela. Será este próximo sábado, 2 de abril, coa representación da obra Coreógrafos españoles de Norte a Sur, unha produción que asina o Ballet Carmen Roche. Será no Teatro Principal ás 20:30 horas.

A oferta do circuíto na capital galega non terminará aquí. Durante os meses de maio, xuño e outubro, os afeccionados a danza terán a oportunidade de gozar de tres novos espectáculos a cargo das compañías Delrevés Danza Vertical, El Punto! Danza Teatro e Kukai Dantza Kompainia. As catro actuacións programadas en Santiago enmárcanse na selección do Auditorio de Galicia, sede da Concellaría de Acción Cultural de Santiago, coma un dos 15 proxectos participantes en Danza a Escena 2016.

Coreógrafos españoles de Norte a Sur
A danza neoclásica e contemporánea danse cita no último traballo do Ballet que dirixe Carmen Roche, un espectáculo que aposta de forma expresa polos novos coreógrafos españois, ofrecéndolles un espazo e un escaparate para mostrar as súas inquietudes artísticas. O resultado son catro pezas breves que achegan ao público as diversas tendencias e linguaxes da danza contemporánea baixo a óptica dos novos valores da creación coreográfica nacional, como Jordi Villaseca (autor da obra Gárgola), Manuel Garzón (que asina a coreografía Poppy), Anuska Alonso (autora de Lembra), e Juan Carlos Toledo e Marta López (coautores da peza Alúmbrame). Coreógrafos españoles de Norte a Sur foi estreada o pasado mes de outubro no Teatro José María Rodero da localidade madrileña de Torrejón de Ardoz.

O Ballet Carmen Roche comezou a súa andaina profesional en 1998, dirixido dende os seus comezos pola recoñecida mestra Carmen Roche. A compañía está integrada por mozos bailaríns de gran talento e aposta deliberadamente pola difusión das obras básicas do patrimonio dancístico clásico. Coreógrafos tan recoñecidos como Toni Fabre, Ramón Oller, Mario Zambrano, Gustavo Ramírez ou Ángel Rodríguez crearon distintos ballets e obras para a compañía, dándolle maior proxección no panorama da danza española.

As entradas, que poderán adquirirse nos despachos de billetes do Teatro Principal, teñen un prezo único de 10 euros, con descontos do 50% para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, desempregados, familias numerosas e perceptores de rendas sociais.

Outras representacións en Santiago
A presenza do circuíto estatal Danza a Escena en Santiago de Compostela estenderase aos meses de maio, xuño e outubro coas actuacións que ofrecerán as compañías Delrevés Danza Vertical, El Punto! Danza Teatro e Kukai Dantza Kompainia. A primeira destas citas, programada o 6 de maio, terá como escenario unha contorna urbana da cidade e virá da man do grupo Delrevés Danza Vertical. A compañía barcelonesa liderada por Saioa Fernández e Eduardo Torres levará a escena Uno, unha peza de danza área no que se fusionan códigos clásicos, disciplinas verticais e unha linguaxe física moi persoal.

O 16 de xuño será a quenda para El Punto! Danza Teatro e o seu espectáculo El Olimpo no es aquí, un traballo que convida o espectador a reflexionar sobre a figura dos deportistas como ídolos de masas na sociedade contemporánea. A representación desta montaxe terá lugar na Sala Agustín Magán (Centro Sociocultural de Santa Marta). Xa por último, Danza a Escena 2016 despedirase dos espectadores santiagueses o 26 de outubro, de novo no Teatro Principal, con Oskara, unha obra conxunta da compañía Kukai Dantza e o coreógrafo Marcos Morau que, tomando como referencia certas raíces populares e fórmulas artísticas máis vangardistas, achega ao espectador algúns das pasaxes e mitos máis representativos da cultura vasca.

Danza a Escena
Danza a Escena é un programa de apoio á danza promovido polo INAEM para a difusión das artes do movemento no territorio do Estado. Un proxecto desenvolvido por La Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de titularidade pública e coa colaboración da Federación Estatal de Compañías y Empresas de Danza, Danza a Escena (FECED).

Na súa sétima edición, o circuíto ofrecerá 121 representacións en 59 teatros, auditorios e centros culturais de 11 comunidades autónomas: Andalucía, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, A Rioxa, Madrid, Rexión de Murcia e País Vasco. Todo iso, co obxectivo de seguir reforzando a presenza e visibilidade dos espectáculos coreográficos nas programacións dos espazos escénicos de titularidade pública.

Compartir: