ALCALDÍA

O alcalde e o presidente da Xunta achegan posturas en proxectos claves para Compostela

30/03/2016 xO alcalde de Santiago e o presidente da Xunta reuníronse este mediodía no Parlamento Galego, no segundo encontro entre ambos dende a toma de posesión de Martiño Noriega. A xuntanza fora solicitada polo rexedor, para abordar cuestións de vital importancia para Compostela como a estación intermodal, a política aeroportuaria ou a construción da variante de Aradas.

O alcalde amosouse satisfeito co resultado da reunión que, segundo sinalou, "se caracterizou polo diálogo fluído e cordial, conseguiu aclarar algúns malos entendidos, e logrou reforzar posicións conxuntas de respecto institucional, como corresponde á capital galega".

Un dos asuntos centrais da reunión deste mediodía foi a futura estación intermodal. O alcalde e o presidente da Xunta acordaron fixar o mes de abril como prazo para definir o protocolo de actuación para esta infraestrutura. Martiño Noriega recoñeceu que a Consellería de Infraestruturas e o Concello teñen diferentes estratexias en relación a este proxecto, pero insistiu en que "o debate sobre a intermodal non está entre o Concello e a Xunta, senón entre a cidade de Santiago e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias,o ADIF). Nesa liña, na xuntanza de hoxe acordouse "urxir ao Ministerio de Fomento a marcar o horizonte da intermodal".

Aeroportos e Variante de Aradas
O alcalde compostelán tamén aproveitou a xuntanza de hoxe para expresarlle a Alberto Núñez Feijóo as demandas do Concello en relación á política aeroportuaria. Nese sentido, Martiño Noriega lamentou que a Xunta "viñera mantendo unha posición de tibieza e moi pouco proactiva, mentres os concellos de Santiago e A Coruña e o Ministerio de Fomento amosaran unha verdadeira vontade de colaboración".

O rexedor compostelán explicou que o presidente da Xunta accedeu a "abrir unha nova vía de diálogo para mudar estas sinerxias", e non descartou a celebración de novas reunións de coordinación entre as tres cidades aeroportuarias, a Xunta e o Ministerio de Fomento.

Por último, Martiño Noriega reclamoulle ao presidente da Xunta algún avance no proxecto da Variante de Aradas, aprobado de forma definitiva en 2013 e que tería que estar xa executado. Ao respecto, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse a iniciar antes do verán as expropiacións necesarias para executar esta infraestrutura, "necesaria para o Concello, para todo o empresariado e para determinados barrios da cidade. Neste ano 2016, os orzamentos da Xunta reservan unha partida de 700.000 euros para a construción da Variante.

A reunión deste mediodía celebrouse na Área de Goberno do Parlamento Galego, por estarmos en día de sesión plenaria. Foi o segundo encontro entre Martiño Noriega e Alberto Núñez Feijóo dende a toma de posesión do alcalde de Santiago. A primeira reunión celebrárase no mes de outubro.

Compartir: