PLENO

O Pleno aprobou a participación de Compostela nun programa europeo para a loita contra a pobreza urbana

29/03/2016 A Corporación municipal debateu este martes, nun pleno extraordinario, a participación de Compostela no programa europeo UrbanInnovativeActions (UIA), que se convoca neste 2016 por vez primeira. O Goberno local aspira a incorporarse á iniciativa cun proxecto que leva por nome GREEN4HOPE e que aborda a loita contra a pobreza urbana a través do desenvolvemento ecosocial. A adhesión saíu adiante cos votos favorables de Compostela Aberta, PSdeG-PSOE e BNG, coa abstención do PP.

O Executivo local optou por levar a participación no UIA ao Pleno, porque contempla accións que poderían ir máis alá deste mandato, e que suporían un investimento total de 6,2 millóns de euros. Desta cifra, 5 millóns de euros procederían dunha subvención europea con cargo aos fondos FEDER.

O proxecto GREEN4HOPE está liderado pola Concellaría de Políticas Sociais, pero nel tamén participan os departamentos de Medio Ambiente e Convivencia e de Medio Rural. A maiores, o Concello conta con catro socios executores neste programa: COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), ASPAS (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual), Plataforma polo Emprego e Universidade de Santiago.

Estratexia ecosocial
O obxectivo do proxecto GREEN4HOPE é loitar contra a pobreza e a exclusión social a través do aproveitamento de recursos naturais, medioambientais ou ecolóxicos como fontes para mellorar a calidade de vida e a inserción social e laboral. Para iso, deseñáronse accións concretas, agrupadas en distintos paquetes de traballo. O primeiro deles ten como finalidade abordar as causas da pobreza, a través de tres iniciativas: unha campaña de sensibilización pública, unha escola de segundas oportunidades, e unha escola comunitaria de participación e innovación socioambiental, na que vai colaborar a USC.

O segundo paquete de traballo quere actuar sobre as consecuencias da pobreza. Para iso, deseñáronse seis accións: o acondicionamento de hortas comunitarias para o autoabastecemento, un plan de acceso enerxético que se desenvolverá a modo de proxecto piloto na Pontepedriña, un plan piloto para reverdecer A Pontepedriña reducindo as necesidades de enerxía e que será executado por COGAMI, unha rede de solidariedade e banco do tempo, e un plan de accesibilidade universal a servizos en zonas verdes.

O GREEN4HOPE prevé un terceiro paquete de traballo que pretende buscar camiños para saír da pobreza, con catro actividades: a creación dunha incubadora de empresas de economía social ecolóxicas e verdes; a creación dun viveiro de plantas e flores en colaboración con ASPAS; o apoio á creación de cooperativas e/ou empresas sociais no sector da economía circular, cun programa executado pola Plataforma polo Emprego; e a posta en marcha de diversos obradoiros de emprego en materia de mantemento medioambiental e forestal, que serán impulsados polo Concello.

Se o proxecto é aceptado no programa europeo UIA, as accións previstas desenvolveríanse dende o 1 de novembro de 2016 ata o 31 de outubro de 2019. O orzamento total do programa é de 6.209.820,74 euros, dos que 4.967.856,59 euros procederían de fondos europeos FEDER. A achega do Concello sería de 789.102,37 euros; COGAMI aportaría 125.776 euros; ASPAS, 163.956,54; a Plataforma polo Emprego, 62.691,24 euros; e a Universidade de Santiago faría unha achega de 100.168 euros.

Compartir: