Dúas exposicións conmemoran os 20 anos da Real Filharmonía de Galicia, a través de fotografías, vídeos e música
29/02/2016 Baixo o título Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo, o Consorcio de Santiago, organismo que xestiona a RFG, promove dúas exposicións conmemorativas dos vinte anos de traxectoria da orquestra. A mostra repártese en dous espazos, a Casa do Cabido (na praza das Praterías) e o Auditorio de Galicia (sede da orquestra). A da Casa do Cabido inaugurouse esta mañá coa presenza do alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega; a concelleira de Cultura, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; un dos comisarios das exposicións xunto con Chus Busto, Juan Conde; o fotógrafo Xaime Cortizo e o frautista da RFG Luís Soto, autores de moitas das fotografías destas mostras; varios músicos da orquestra; ademais dos mestres Helmuth Rilling, primeiro director titular da orquestra, e Maximino Zumalave, director asociado da RFG.
Pola tarde tivo lugar a inauguración da exposición no Auditorio de Galicia. Foi xusto antes do inicio do concerto conmemorativo dos 20 anos da RFG, no que levou a batuta Helmuth Rilling.A xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou que esta mostra é "un agasallo por estes vinte anos aos músicos, á cidade e ao resto de Galicia. O público terá así a oportunidade de dispoñer e gozar dunha visión da orquestra dende dentro". E aproveitou para lembrar á violoncellista Palmira Martínez, falecida hai dous anos, e ao clarinetista Manuel López, finado en 2007.
Pola súa parte, o alcalde, Martiño Noriega, puxo de manifesto que "para nós hoxe é un día de celebración, de facer un exercicio de memoria, de reivindicación da cidade. E de agradecer aos músicos o seu compromiso e, en especial, o importante labor pedagóxico que fai esta orquestra e a súa contribución ao desfrute dos cidadáns".
A exposición da Casa do Cabido divídese en cinco escenarios diferentes. Na entreplanta proxéctanse vídeos antigos da Real Filharmonía de Galicia, ao tempo que se escoita a música do CD que se editou en 2006 con motivo do 10º aniversario da orquestra. Hai un espazo habilitado con cadeiras para os que desexen gozar da música de xeito repousado.
Outro dos espazos está dedicado aos primeiros concertos da RFG e nel recóllense fotografías históricas da orquestra, que pertencen ao Arquivo do Auditorio de Galicia. Noutro destácanse instantáneas dos escenarios máis importantes nos que actuou, entre eles o Teatro Nacional, o Palau de la Música Catalana, o Palacio Euskalduna de Bilbao, a Praza da Quintana ou a Cidade da Cultura, entre outros.
Un frautista afeccionado á fotografía
As salas superiores están centradas na orquestra na actualidade, a través de dúas reportaxes fotográficas, unha do fotógrafo Xaime Cortizo e outra do músico Luís Soto, frautista da RFG dende a súa creación, moi afeccionado á fotografía e que ten ilustrado os grandes momentos da orquestra. A reportaxe de Soto aporta a nota máis "moderna" á exposición, cunha selección dos milleiros de instantáneas que ten da RFG. Ademais, pode verse o primeiro traxe que vestían as compoñentes femininas da orquestra fai vinte anos.
No Auditorio de Galicia exhíbense preto de 20 fotografías de Luís Soto a gran tamaño. Estas imaxes reflicten a época máis actual da agrupación.
No transcurso do acto, Luís Soto sinalou que a súa afección pola fotografía comezou hai 15 anos, momento no que empezou a fotografar aos seu compañeiros. Así, na actualidade dispón de máis 25.000 instantáneas da práctica totalidade dos concertos, directores e solistas que colaboraron coa RFG ao longo da súa traxectoria.
Ata abril na Casa do Cabido e ata xuño no Auditorio
A exposición da Casa do Cabido poderá percorrerse ata mediados de abril, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns o museo permanece pechado. Pola súa parte, a mostra do Auditorio de Galicia pode visitarse ata o final da temporada da orquestra, no mes de xuño, de luns a domingo, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.