EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Banda e a Orquestra de Corda da Escola Municipal de Música ofrecen un concerto este domingo no auditorio do CGAC

26/02/2016 Este domingo 28 de febreiro, ás 12:00 horas, o auditorio do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), acollerá un concerto no que as agrupacións musicais de Banda e da Orquestra de Corda da Escola Municipal de Música, dirixidas polos profesores Óscar Fernández e Mario Diz, achegarán ao alumnado máis novo o mundo dos instrumentos de corda e vento.

Este concerto arredor da música instrumental ten por finalidade dar a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses na Escola. Participarán máis de 70 alumnos e alumnas acompañados dos seus directores e das súas familias. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo do auditorio.

O programa do concerto estará formado por música barroca e tradicional irlandesa, no caso da Orquestra de Corda, e por un repertorio representativo da música para banda popular, na actuación da agrupación formada por ventos.

A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 423 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos; 18 profesores e profesoras que imparten 21 especialidades instrumentais.

Compartir: