LINGUA E EDUCACIÓN

A EIM de Conxo acolle un obradoiro de recursos en galego para educación infantil

26/02/2016 Este sábado 27 de febreiro, dende as 8:30 ata as 14:30 horas, realizarase un obradoiro de recursos en galego para educación infantil, convocado dentro do programa Apego. Terá lugar na Escola Infantil Municipal de Conxo e está dirixido ao persoal das escolas das Fontiñas e Conxo.

Na convocatoria, á que se anotaron 24 traballadores e traballadoras destes centros municipais, colaborou o Departamento de Educación. O obxectivo desta actividade, da que xa se realizaron dúas edicións en decembro abertas a profesionais de calquera escola infantil, é achegar información práctica sobre os materiais e as ferramentas de que podemos dispoñer para traballar cos nenos e nenas nas etapas infantís. Quérese, desde xeito, animar e arroupar o labor das educadoras e educadores no proceso de socialización das nenas e nenos en galego.

Programa
Farase unha presentación de discos e recursos na rede coas actividades concretas que se poden realizar para traballar coa música. Tamén se incorpora o xogo en galego con materiais arredor do movemento, dende o xogo tradicional ata as novas tecnoloxías.

Os e as participantes neste obradoiro farán unha análise da situación actual do galego, tras o que haberá un breve debate cunha choiva de ideas. A maiores elaborarase unha historia a través dos contos tradicionais.

Compartir: