EDUCACIÓN E CIDADANÍA

As escolas infantís municipais celebran este venres o Día da Non Violencia e a Paz

28/01/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou en rolda de prensa os actos con motivo do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, que se celebrarán mañá venres, de 10:00 a 13:00 horas, na Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños.

Os nenos e nenas das escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños participarán serán os protagonistas desta xornada e construirán un "Muro pola Paz" (10:30 horas). A continuación, Paztinete, contacontos solidarios a cargo de Anxo Moure, do colectivo Bicis pola Paz.

Os país e nais dos pequenos e pequenas tamén se sumarán a esta celebración expresando os seus "Tres desexos pola paz". Será logo, a iso das 11:30 horas, cando o concelleiro de Educación lea o Manifesto pola Paz e a Non Violencia. Nesta declaración apóstase por "un sistema educativo de cada vez mellor calidade, máis xusto e solidario", no que as nenas e nenos "convivan plenamente coa diversidade humana, política e cultural, aprendendo a resolver pacífica e intelixentemente os conflitos".

O acto contará tamén coa intervención do alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Durante toda a celebración, a parte musical correrá a cargo da Escola Municipal de Música.

Con esta celebración, o Concello quere reiterar o compromiso de Santiago como cidade educadora. Precisamente, o artigo 2 da Carta de Cidades Educadoras indica que "a cidade promoverá a educación na diversidade, para a comprensión, a cooperación solidaria internacional e a paz no mundo. Unha educación que combata calquera forma de discriminación. Favorecerá a liberdade de expresión, a diversidade cultural e o diálogo en condicións de igualdade. Acollerá tanto as iniciativas de vangarda como as de cultura popular independentemente da súa orixe".

Compartir: