ACCIÓN CULTURAL

Os d'Abaixo, O Sonoro Maxín e Bigote Mix ofrecerán máis de cinco horas de música en galego para despedir o ano

29/12/2015 Este xoves, a praza do Obradoiro encherase de música e espectáculo en galego para despedir o ano 2015 e darlle a benvida ao 2016.

Este ano, o lema da festa é "A festa de sempre como nunca a viches". Con este lema, "queremos transmitir o espírito desta celebración, que durará máis de cinco horas e na que haberá música e baile en galego, pero tamén moito humor", explicou na rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

O que se pretende este ano é actualizar o concepto de verbena, ofrecendo unha nova proposta centrada, por un lado, na música de baile tradicional e, por outro, na música de baile máis moderna e mestiza: ritmos latinos, pachanga, reggae…

A Verbena Galega terá dous denominadores comúns: a lingua galega e a fusión da festa tradicional coa moderna. Dous grupos galegos amenizarán esta festa: Os d'Abaixo" e "O Sonoro maxín". O picadiscos Bigote Mix pechará a celebración e o evento estará presentado pola actriz Isabel Risco.

A festa celebrarase na Praza do Obradoiro a partir das once e cuarto da noite, cunha pausa ás 12 da noite para as badaladas. Repartiranse 1000 bolsiñas de cotillón e 1.000 de uvas para os e as primeiras que cheguen.

Os d'Abaixo
Trátase dun grupo que naceu no 2010 e recolle no seu repertorio algunhas das pezas máis populares da música galega mesturadas con novas composicións. Xúntanse músicos amadores que levan toda a vida vencellados ao folclore galego e músicos profesionais de ampla traxectoria en bandas como Berrogüetto ou Fía na Roca.

Os d'Abaixo son un grupo con proxección galega e internacional que participou nos principais festivais do noso país e tamén nalgúns dos eventos musicais máis importantes de Europa coma o Festival Intercéltico de Lorient.

O Sonoro Maxín
Banda ourensá que naceu en 2007. Neste grupo mestúranse músicos que formaron parte de proxectos tan coñecidos como Lamatumbá ou Cinnamon Gum. O Sonoro Maxín compartiu escenario con bandas como Manu Chao & Radio Bemba Sound System ou Shantel & Bucovina Club Orkestar.

Bigote Mix
Pechará a festa un dos personaxes máis coñecidos da escena musical compostelá: o picadiscos Bigote Mix, tamén coñecido como "Jevi". O creador de proxectos como Malandrómeda ou Fluzo desenvolverá unha sesión exclusiva en galego-portugués.

Compartir: