TURISMO

Seguen os obradoiros de cociña infantil en Compostela Gastronómica Nadal

28/12/2015 A edición de Nadal de Compostela Gastronómica ofrece no seu programa nove obradoiros de cociña para nenas e nenos de 6 a 12 anos na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos. Nestas xornadas, os máis pequenos gozan da cociña mentres aprenden divertíndose con receitas pensadas especialmente para as festas do Nadal, con produtos de proximidade.

Este martes 29 de decembro, de 10:00 a 11:30 horas, haberá un obradoiro dedicado a elaborar orixinais nubes de ovo, e o 30 de decembro, á mesma hora, os cociñeiros máis novos terán a oportunidade de preparar ricas galletas de manteiga caseiras.

Os obradoiros infantís continúan en xaneiro con saborosas propostas como "Tartaletas de mazá", "Empanadillas de verdura e polo" e "Sanandresiños comestibles" os días 2, 4 e 5 de xaneiro, respectivamente, de 11:00 a 12:30 horas, no Aula Gastronómica do Mercado de Abastos.

O programa completo de Compostela Gastronómica Nadal pode consultarse na web www.compostelagastronomica.es. As inscricións poden facerse a través desta mesma páxina ou na oficina de información de Turismo de Santiago.

Compostela Gastronómica é unha iniciativa con vocación de continuidade e de converterse en plataforma e punto de referencia da cultura gastronómica galega, para amosar as posibilidades dos produtos e da restauración de Galicia, e moi especialmente os de Santiago e os seus arredores. Unha marca paraugas baixo a que se inclúen iniciativas gastronómicas de interese para os turistas, a poboación local e o sector da restauración e servizos asociados ó longo de todo o ano.

Compartir: