DEPORTE

O alcalde visitou o Campus Vero Boquete

28/12/2015 O alcalde, Martiño Noriega, achegouse esta mañá ata o campo de fútbol de Santa Isabel, acompañado da concelleira de Deporte, Noa Morales, para saudar os participantes no V Campus de Fútbol Vero Boquete. Máis de 150 rapaces e rapazas de entre 6 e 18 anos están a traballar estes días ás ordes da futbolista galega afincada en Alemaña, que lembrou que ela tamén empezou no mundo do fútbol cun campus deste tipo, tamén en Compostela.

Vero Boquete explicoulle a Martiño Noriega como adestra cos cativos, que están interesados sobre todo en xogar co nela e en corrixir conceptos técnicos. Ademais, a futbolista recoñeceu que "volver a Santiago e ver a ilusión coa que chegan os nenos ao campus é unha motivación e unha relaxación".

O alcalde felicitou a Vero Boquete por este campus, que despois de cinco anos xa está consolidado e que está dirixido por "unha persoa que prestixia á cidade e que é un referente no mundo do deporte". Por iso, Martiño Noriega entende que o Concello ten que amosar colaboración con este tipo de iniciativas. Ademais, o alcalde lembrou que Santa Isabel é un escenario de especial significado para el, porque alí "ía ver os partidos do Compostela con meu pai, e tamén xogar ao fútbol sala no pavillón".

O V Campus de Fútbol Vero Boquete desenvólvese dende hoxe ata o mércores nos campos de fútbol municipais de As Cancelas, Sergas e Santa Isabel, e no pavillón de Santa Isabel. Ademais, o pavillón do Restollal acollerá o sábado 2 e o domingo 3 de xaneiro o III Torneo de Fútbol Sala Feminino Vero Boquete.

Compartir: