ALCALDÍA

Santiago de Compostela conmemora o 80º aniversario da publicación dos "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca

27/12/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e outros membros da Corporación asistiron na rúa do Vilar ao acto literario de conmemoración do 80º aniversario da edición dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca. O acto celebrouse a carón da antiga imprenta Nós, lugar onde se editaron os poemas.

En 1935, a imprenta Nós, dirixida por Ánxel Casal, publicaba os Seis poemas galegos de Federico García Lorca: "Madrigal á cibdá de Santiago", "Romaxe de Nosa Señora da Barca", "Cantiga do neno da tenda", "Noiturnio do adoescente morto", "Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta" e "Danza da lúa en Santiago". O colofón do libro, prologado por Eduardo Blanco Amor, sinala como data de edición o 27 de decembro daquel ano 1935.

Os versos destes seis poemas foron lidos neste acto literario de lembranza co acompañamento musical de Fran Pérez "Narf".

Na organización deste evento, o Concello contou coa colaboración das asociacións culturais O Galo, aCentral Folque, Cidade Vella e San Martiño Pinario, así como de Joel Gómez, do grupo Galabra da USC.

Compartir: