CONSORCIO

O músico catalán Damián Arenas, contrabaixo da Orquestra Sinfónica de RTVE, impartirá clases a músicos galegos

30/11/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do recoñecido contrabaixista catalán Damián Arenas. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense cinco prazas para músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o venres 11 de decembro pola tarde, de 15:30 a 19:30 horas; e o sábado 12 pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Solista da nova Orquestra UNESCO Barcelona
Damián Arenas naceu en Barcelona no ano 1967. Estudou contrabaixo no Conservatorio Superior de Música de Barcelona, onde obtivo dous Premios de Honra e Matrícula fin de carreira. Con posterioridade realiza estudos de alta especialización na Escola de Música Raíña Sofía de Madrid, recibindo o diploma de "alumno máis destacado da Cátedra". Entre 1996 e 1999 foi contrabaixo solista na Orquestra Sinfónica de Castela e León.

Foi catedrático de Contrabaixo no Conservatorio Superior de Música de Salamanca durante tres cursos académicos. Habitualmente imparte cursos e clases maxistrais en conservatorios, escolas de música e festivais de todo o territorio nacional. Tamén é convidado para preparar a sección de contrabaixos da Xove Orquestra da Comunidade de Madrid. Na actualidade é solista da nova Orquestra UNESCO Barcelona e membro da Orquestra Sinfónica de RTVE dende 1999. E dende 2008 forma parte do equipo de profesores da Escola de Música Creativa de Madrid.

Compartir: