DEPORTE

As seleccións de fútbol gaélico de Galicia e Irlanda enfróntanse este sábado nas Cancelas

30/10/2015 Este sábado o campo de fútbol das Cancelas acollerá dous partidos de fútbol gaélico. Ás 18:00 e 19:30 horas, enfrontaranse, respectivamente, as seleccións feminina e masculina de Galicia e Irlanda.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, e os capitáns das seleccións feminina e masculina de Galicia, Laura Paz e Marcos, presentaron os detalles deste partido, que convocará a todos os afeccionados en Galicia a esta disciplina, cuxo número está a medrar nos últimos anos.

O fútbol gaélico é unha variante de fútbol xogada principalmente en Irlanda. É, xunto co hurling, un dos dous deportes con máis espectadores en Irlanda e o deporte nacional dese país. O fútbol xógase por equipos de 15 persoas (en Europa Continental os equipos están formados por 11 xogadores) nun campo rectangular con postes en forma de H en cada un dos dous extremos.

O obxectivo principal é marcar pateando ou golpeando a bola coa man e conseguir que atravese a portería. O equipo que máis puntos teña ó final do partido gaña (os goles valen tres puntos e os tantos a paus, un). Os xogadores manexan o balón polo terreo de xogo cunha combinación de portar, facendo un só (soltando o balón e, sen deixalo caer, darlle co pé de novo de volta cara as mans), pateando e pasando coa man (sempre golpeando, nunca arrastrando) aos seus compañeiros.

Compartir: