MOBILIDADE

Máis de 32.000 usuarios empregaron o transporte público no Día Sen Coches

30/09/2015 O concelleiro de Mobilidade, Jorge Duarte, fixo un balance das actividades celebradas durante a Semana Europea da Mobilidade. Comezaron coa exposición de vehículos eléctricos na praza Roxa, que serviu para achegar aos composteláns a tecnoloxía existente relacionada con este tipo de vehículos para plantexar un debate sobre un cambio de paradigma no eido da mobilidade.

Outra das actividades que se levou a cabo foi o reparto de 5.000 folletos informativos nas localidades veciñas de Ames, Teo e Sigüeiro, para a concienciación do uso dos aparcadoiros de borde da cidade. Fíxose un reparto semellante no Hospital Clínico compostelán. A actividade máis salientable foi o I Encontro pola Mobilidade que se celebrou o luns 21 e congregou a expertos e colectivos implicados. Jorge Duarte destacou que "o que se pretende é gañar espazo para os cidadáns para unha mobilidade sustentable". As principais conclusións foron a necesidade dun novo Plan de Mobilidade participado por distintos entes ou a adecuación do servizo de transporte urbano.

Outra das actividades que tiveron unha gran acollida foi o Día Sen Coches, xornada na que foi gratuíto o transporte urbano, acadando un incremento de ata un 28,8% de viaxeiros, con 32.652 usuarios de transporte público. A última xornada, a do domingo 27 de setembro, xirou en torno á bicicleta e o seu uso alternativo nunha cidade como Santiago. Na xincana para nenos e na pedalada desde a Alameda participaron unhas 300 persoas, que entraron no sorteo de dez bonos de transporte urbano e dunha bicicleta.

Compartir: