ALCALDÍA

As obras do aparcamento de Pontepedriña estarán rematadas en novembro

30/09/2015 O alcalde de Santiago e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas visitaron esta mañá as obras do aparcamento disuasorio de Pontepedriña, uns traballos que está a executar a Xunta nuns terreos que lle foran cedidos ao Concello por ADIF. Martiño Noriega e Ethel Vázquez coincidiron en que este proxecto é unha boa mostra de que a colaboración entre institucións é beneficiosa para o conxunto da cidadanía.

O alcalde lembrou que o estacionamento disuasorio de Pontepedriña é un proxecto moi demandado no Ensanche, despois de moitas obras de humanización que non solucionaron os problemas de estacionamento do barrio. Martiño Noriega avanzou que o Goberno local está a estudar o modelo de xestión do aparcamento, que "debe implicar algún tipo de rotación para que os vehículos non poidan permanecer ocupando as mesmas prazas durante semanas". O rexedor compostelán incidiu en que o estacionamento non terá afán recadatorio e, de feito, "as tarifas que se acorden, a través de Tussa, non irán máis alá do simbólico".

Favorecer a mobilidade
O obxectivo primeiro do aparcamento será avanzar cara un modelo de mobilidade sustentable e aliviar as conxestións de tráfico no centro de Compostela. Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas amosouse convencida do éxito do estacionamento, por estar situado nun dos principais puntos de acceso á cidade, e preto da estación de ferrocarril. Ethel Vázquez asegurou que as obras estarán rematadas no mes de novembro, porque xa están ao 75% da súa execución. Unha vez finalizadas, o aparcamento serálle entregado ao Concello de Santiago.

O estacionamento disuasorio de Pontepedriña contará con 196 prazas para vehículos e 30 para bicicletas. A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destinou a esta actuación 841.194,55 euros.

Compartir: