EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Santiago de Compostela adhírese á Conferencia de Alcaldes pola Paz

31/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asinou o documento de adhesión de Santiago de Compostela á Conferencia de Alcaldes pola Paz (Mayors for Peace). A cidade súmase así a unha rede internacional integrada a 1 de agosto por 6.779 cidades de 161 países.

Para o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, é un "orgullo" que Santiago se incorpore á "rede internacional de alcaldes máis relevante no que ten que ver coa defensa da cultura da paz e, de xeito específico, co desarme nuclear". Indicou que a adhesión permitirá á cidade participar en "programas amplos, fundamentalmente educativos e divulgativos, non só relacionados coa paz e o desarme nuclear, senón tamén con temas como a pobreza, a exclusión ou os dereitos humanos".

A Conferencia de Alcaldes pola Paz foi creada en 1982 polas cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki, co obxectivo de alcanzar unha paz duradeira no mundo a través da solidariedade internacional, promovendo os esforzos para aumentar a conciencia pública sobre a necesidade de abolir as armas nucleares. Na actualidade, forman esta rede 6.779 cidades de 161 países, que representan unha poboación dun billón de persoas, equivalente á sétima parte da poboación mundial.

Alcaldes pola Paz elaborou unhas directrices de acción, plasmadas na campaña Visión 20120, que fixa como obxectivo a total prohibición para esa data do desenvolvemento, produción, ensaio, almacenamento e uso de armas nucleares. Con tal fin, existen diferentes liñas de traballo para crear unha conciencia pública internacional sobre a abolición das armas nucleares, ademais de accións para solicitar á ONU e aos gobernos de cada país medidas para a concertación do Tratado de sobre Armas Nucleares.

Esta rede funciona en base a unha Conferencia Xeral, que se celebra cada catro anos en Hiroshima ou Nagasaki, alternativamente. A próxima será en 2017 na segunda delas. Ademais, existe unha Conferencia Executiva, para as cidades, que se celebra cada dous anos na cidade executiva correspondente. En España, ese papel de cidade executiva teno Granollers.

Compartir: