ALCALDÍA

Avanzan os preparativos da edición 2016 de Womex, que terá de novo a cidade como sede

27/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, reuníronse co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño. Tamén participaron Vítor Belho e Paco de Pin, de Nordesía. Nesta xuntanza avanzouse nos preparativos da edición 2016 de Womex, a feira mundial de músicas do mundo que de novo se celebrará en Santiago de Compostela en 2016.

A cidade volverá ser sede do Womex do 19 ao 23 de outubro de 2016, tras o éxito da edición de 2014. Segundo explicou a concelleira Marta Lois, o obxectivo desta reunión era trazar a "folla de ruta" da organización deste evento, no que o Concello de Santiago ten un papel de promotor institucional.

A edil destacou a "gran repercusión internacional" de Womex, un evento que require dun "importante esforzo de organización, tanto profesional como económico". De aí que haxa que traballar xa para preparar "toda a loxística necesaria", malia estar a máis dun ano vista da celebración da feira.

O Womex 2014 reuniu na cidade a 2.400 delegados e 1.470 empresas procedentes dun centenar de países. Ademais, programáronse 60 concertos en 7 escenarios da cidade, nos que participaron 320 artistas. A edición 2015 celébrase en Budapest (Hungría) do 21 ao 25 de outubro.

Compartir: