ALCALDÍA

O alcalde destaca a mellora que vai supor para a atención primaria de Santiago o novo centro de saúde de Galeras

27/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitaron as obras de construción do centro de saúde do barrio de Galeras. Esta instalación atenderá unha poboación de máis de 12.000 persoas.

Martiño Noriega valorou "moi positivamente" a marcha das obras dun centro de saúde, cunha "dimensión importante", que "permitirá diminuír a carga asistencial do resto dos centros de atención primaria", citando especificamente o de Concepción Arenal. Indicou que supón unha "mellora considerable" na atención primaria da cidade e que responde a unha demanda de hai moitos anos dos veciños de Santiago.

Este centro de saúde da rede do Sergas, que comezou a construírse en novembro do pasado ano e ten un prazo previsto de execución de 17 meses, está cofinanciado ao 80% polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013, por un importe de 2,9 millóns de euros. Atenderá a unha poboación de máis de 12.000 persoas, e contará cun área de medicina xeral, outra de pediatría, consultas de matronas e educación maternal, farmacia, odontoloxía, fisioterapia e salas polivalentes. Ademais, na área de administración, disporase dun arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

Compartir: