TURISMO

As cidades Patrimonio da Humanidade de España promocionan esta fin de semana en Frankfurt a súa oferta turística e cultural

27/08/2015 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España participará este fin de semana na cuarta edición de Spanien am Main, a importante campaña de promoción que organiza Turespaña a través da súa Oficina de Turismo en Frankfurt, a quinta cidade máis poboada de Alemaña e considerada a súa capital financeira, con motivo da celebración do 28 ao 30 de agosto do festival MuseumsUferFest.

O MuseumsUferFest de Frankfurt é un dos eventos culturais máis importantes do verán europeo, un festival único que ten lugar en todos os museos da cidade e en escenarios ao longo das beiras do río Main e que combina arte, cultura, espectáculos e gastronomía. O festival é visitado cada ano por preto de 3 millóns de persoas, sendo unha das principais citas da axenda de ocio e cultura de Alemaña.

O espazo Spaniem am Main de Turespaña contará con diferentes postos nos que estarán presentes, xunto ás Cidades Patrimonio da Humanidade, Galicia, Andalucía, Madrid, Baleares, Estremadura e o Instituto Cervantes. Durante todo o fin de semana, este espazo será animado con diversas actuacións e mostras culinarias. Santiago de Compostela e as outras 14 cidades Patrimonio da Humanidade de España promoverán os seus destinos neste marco, cun posto atendido por un técnico do Grupo, quen facilitará durante a feira información ao público sobre a súa ampla oferta turística e cultural.

España é o primeiro destino vacacional para os alemáns que, aínda que veñen atraídos fundamentalmente polo sol e a praia, nos últimos anos están a descubrir o atractivo do turismo urbano, cultural e de interior, sector no que España ten un gran potencial de crecemento neste país. Alemaña é o terceiro país emisor máis importante para España, cunha cota do 16,1%, que aumenta a un ritmo crecente do 3% en 2015, e cun total de 9,4 millóns de visitantes en 2014. As principais rexións alemás emisoras de turismo ao estranxeiro son as seguintes: Hesse (Frankfurt), Baviera (Múnic) e Renania do Norte-Westfalia (Dusseldorf, Bonn/Colonia, Dortmund). No conxunto dos novos estados federados destaca Berlín, a cidade con densidade de poboación máis alta de Alemaña, con máis de 9 millóns de pasaxeiros.

Esta campaña promocional en Alemaña, que se suma á presenza recente do Grupo nas feiras Reisen de Hamburgo e ITB de Berlín, está incluída dentro do Plan Operativo de Turismo 2015 da rede, que aposta por manter a presenza internacional das 15 cidades Patrimonio nas feiras máis importantes do mundo, e, da man de Turespaña, promover os seus destinos en mercados maduros para a rede, como os países europeos, Latinoamérica e Asia, e os países emerxentes como a India e China.

Para os próximos meses, o Grupo prevé presentacións internacionais a turoperadores en Colombia (Bogotá, Cali e Medellín), México DF, Praga e Padua (no marco do Salón Internacional de Turismo de Sitios Patrimonio Mundial), así como na India (Mumbai e Delhi). Estas promocións complementaranse coa asistencia á Feira JATA en Tokio, do 24 ao 27 de setembro, e novas viaxes de familiarización para prensa e turoperadores por distintas cidades do Grupo, organizados coas Oficinas Españolas de Turismo de París, Miami, Frankfurt, Sao Paulo, México e Chicago.

Compartir: