ALCALDÍA

O Goberno local valora a aprobación do proxecto de enlace da AP-9 coa A-54 e agarda que Fomento licite as obras canto antes

26/08/2015 O Goberno municipal considera unha noticia positiva para a cidade a aprobación polo Ministerio de Fomento do expediente de información pública e do proxecto de trazado da conexión da AP-9 coa autovía A-54 (enlace orbital). O orzamento de licitación estimado ascende a 45,28 millóns de euros.

A construción deste enlace orbital era un dos temas que figuraba na axenda remitida á ministra de Fomento, Ana Pastor, para a reunión prevista en Madrid co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, do vindeiro 2 de setembro. Aprobado o proxecto, demandaráselle á ministra a pronta licitación destas obras. Do mesmo xeito, insistiráselle na necesidade de completar a ampliación da AP-9 coa conexión do novo orbital coa estrada N-550, conectando así os polígonos industriais da Sionlla e do Tambre e unindo os tres vieiros referidos (AP-9, A-54 e N-550).

Esta nova conexión da AP-9 coa autovía entre Santiago e Lugo realizarase mediante un enlace na AP-9 no quilómetro 64,500. Farase mediante un enlace orbital, consistente nunha glorieta superior sobre o madeiro da autoestrada que se conectará co actual enlace de San Marcos da autovía A-54 mediante un vieiro de dobre calzada. Ademais, acometerase a ampliación de capacidade do madeiro da autoestrada dende o ámbito do enlace orbital ata o enlace de Santiago Norte, no quilómetro 67,000.

Posibilitaranse todos os movementos posibles entre ambas as dúas infraestruturas. Así, esta nova conexión permitirá desconxestionar o actual enlace de Santiago Norte da autoestrada AP-9 e mellorar o acceso ao aeroporto internacional de Lavacolla.

Compartir: