CULTURA

Os títeres volven a Compostela nunha nova edición de "Galicreques"

29/09/2006 O Festival Internacional de Títeres "Galicreques 2006"chega aos máis diversos escenarios de Compostela na súa XI edición. Convertida xa nunha mostra de referencia a nivel mundial no mundo dos títeres, traerá a compañías de diferentes partes do mundo do 2 ao 8 de outubro. Todo isto, acompañado dunha ampla oferta formativa e expositiva.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o director da Asociación Cultural Barriga Verde e do Festival, Jorge Rey, presentaron a programación do evento, que pretende levar os títeres a tódolos públicos. Os monicreques serán protagonistas durante unha semana nas prazas e rúas da cidade, onde cada ano se recibe con entusiasmo e unha alta participación esta oferta teatral.

Este ano tamén, a variedade volve a ser ampla en canto á elección de compañías, que proceden de países como Argentina, Perú, Bosnia, Alemaña, República Checa, Brasil, Francia, Bélxica ou mesmo Kenia, ademais das chegada de Galicia e doutros lugares da xeografía española. Unha oportunidade para gozar de diversas técnicas: bonecos de luva, máscaras, títeres, mimo, guiñol, marionetas, fío, variñas, mamulengo ou muppets, entre outras. Serán 21 compañías e 82 funcións, que se desenvolverán, na Sala Yago, no Teatro Principal, nunha carpa na Praza Roxa e noutrs prazas da cidade.

A oferta complementarase con diversos obradoiros: talla en madeira, vestiario para títeres, maquillaxe e dramaturxia. Tampouco faltarán as exposicións, dedicadas neste ocasión a "Humor de títeres", "De títeres con amor" e "Títeres con poesía". A isto hai que engadir os obradoiros de construción de títeres para rapazas e rapaces, e unha xornada espaecial, na que o director da compañía Teatro de la Luna impartirá unha charla na Galería Sargadelos sobre os programas ue realizan no Museo Nacional Reina Sofía.

Compartir: