PROMOCIÓN ECONÓMICA

Novos cursos no ámbito da atención á terceira idade

29/09/2006 Comeza tres cursos para traballadores en activo. Todos eles sitúanse dentro do ámbito do traballo con persoas da terceira idade: psicomotricidade coa persoa maior, nutrición xeriátrica e traballo de estimulación da memoria en persoas maiores. Deste xeito, configúrase un abano de cursos que cobre as carencias máis demandadas neste sector: coidado físico, psicolóxico e de alimentación.

Estes cursos de formación continua teñen 20 horas de duración, e desenvolveranse en horario non laborable. Para o curso de nutrición xeriátrica aínda quedan prazas dispoñibles, polo que os interesados poden chamar ao número da Oficina de Promoción Económica (981 542 493) en horario de 8 da mañá a 3 da tarde.

O proxecto Persoa III, desenvolvido pola Concellería de Promoción Económica e Emprego, céntrase na súa terceira edición en ofrecer formación dentro da área de atención á terceira idade. Para iso, ofrece especialidades tan distintas e novidosas como especialista en atención a persoas maiores, experto en envellecemento activo ou especialista no coidado da imaxe corporal e estética na terceira idade.

Nas dúas anteriores edicións do proxecto Persoa, centradas tamén na busca de novos perfís laborais, moitos deles no ámbito da atención a persoas anciás, dependentes ou discapacitadas, a porcentaxe de inserción obtida superou o 60%, mesmo nalgúns casos a través da creación de empresas por parte das súas participantes. Este éxito confirma a percepción de que este tipo de formación orientada á atención a colectivos dependentes ten unha base real e responde ás demandas da sociedade actual.

A atención á terceira idade é unha área de traballo aínda por explotar plenamente, e a través da cal se poden insertar no mundo laboral persoas de moi variado perfil. Galicia ten unha das poboacións máis avellentadas do mundo (na área de Santiago case o 17% das persoas superan os 65 anos), e aínda se detecta un déficit de profesionais que poidan atender debidamente as necesidades deste grupo de idade cada vez máis numeroso.

Compartir: