FESTAS

O espectáculo pirotécnico e un moi aplaudido concerto da Real Filharmonía pecharon as festas do Apóstolo máis diversas e abertas

31/07/2015 Uns 15 minutos de fogos artificiais pecharon as festas do Apóstolo máis diversas, descentralizadas e abertas. Foron 15 días de actividades, todas de balde, cunha participación masiva de composteláns e visitantes. Dende o punto de vista musical, o broche ás festas púxoo a Real Filharmonía de Galicia cun concerto na praza da Quintana ao que o público respondeu con entusiasmo e longos aplausos.

Dende o Campus Sur lanzáronse máis de 400 quilos de pólvora, con elementos cheos de colorido que puideron verse dende diversas partes da cidade. O espectáculo pechouse cunha dobre e estrondosa apoteose pirotécnica.

Minutos antes, a Real Filharmonía A Real Filharmonía de Galicia ofrecera o concerto fin de festas na praza da Quintana. Dirixida polo mestre Diego García Rodríguez, interpretou catro obras, comezando coas oberturas As avespas, de Ralph Vaughan Williams (1872-1958) e As alegres comadres de Windsor, de Otto Nicolai (1810-1849). Despois, o entregado público puido escoitar fragmentos do ballet O Crebanoces, de Piotr Ilich Tchaikovsky (1840-1893), para rematar coa obertura A bela Helena, de Jacques Offenbach (1819-1880).

Tal foi a aclamación do público que a orquestra tivo que interpretar ata en dúas ocasións o popularmente coñecido como "Can can", a obertura de ópera Orfeo nos infernos, de Jacques Offenbach. O repertorio do compositor alemán completouse tamén nos bises coa "Barcarola" dos Contos de Hoffman. Entre os agasallos, a Real Filharmonía tamén tocou a Tritsch-Tratsch Polka de Johann Strauss.

Compartir: