POLÍTICAS SOCIAIS

Compromiso para facer de Santiago un "concello socialmente máis responsable"

31/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, reuníronse coa Plataforma polo Emprego e co Foro da Inmigración.

Esta xuntanza enmárcase na liña de contactos que o Goberno municipal está mantendo con entidades que fan política social na cidade. Neste sentido, Concha Fernández reiterou a aposta por facer de Santiago un "concello socialmente máis responsable".

Sobre as propostas da Plataforma polo Emprego, considerou especialmente interesantes aquelas referidas á inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación ou á reserva de mercado, isto é, que unha parte das contratacións vaia dirixida a empresas de inserción laboral e centros especiais de emprego. Así, reiterou a vontade municipal de "promover a incorporación sociolaboral de todas as persoas, especialmente daquelas que teñen máis dificultades".

Pola súa parte, o Foro da Inmigración formulou demandas relativas á extensión das axudas sociais aos colectivos de persoas inmigrantes en situación irregular e á revitalización da Unidade de Atención aos Migrantes (UAMI).

Compartir: